TRADUCIÓN GALEGA DE 'SE ISTO É UN HOME', CLÁSICO SOBRE O LAGER NAZI

O testemuño como liberación

O testemuño como liberación
O escritor Primo Levi nunha imaxe de 1960. Foto: cedida.
O escritor Primo Levi nunha imaxe de 1960. Foto: cedida.  

“Fun capturado pola milicia fascista o 13 de decembro de 1943”, comeza un dos libros máis importantes de todos os libros importantes escritos no século XX: Se isto é un home (1947), de Primo Levi. A súa versión galega vén de saír do prelo, traducida por Xoán Manuel Garrido Vilariño e publicada por Xerais.
 


“Se non foi en acto, si na súa intención e na súa concepción, xa nacera naqueles días do Lager”, escribe Levi a respecto da obra na nota introdutoria, “a necesidade de contarlles aos 'outros', de facer os 'outros' partícipes, era tema de conversa entre nós, antes da liberación e despois dela, o carácter dun impulso inmediato e violento, de tal intensidade que rivalizaba coas outras necesidades elementais: o libro escribiuse para satisfacer esta necesidade, en primeiro termo, pois, como liberación interior”.

se isto é un home - primo levi - cuberta

Se isto é un home conforma a pedra basilar da literatura testemuñal sobre o sistema de exterminio nazi. De forma propositadamente fragmentaria, Levi (Turín, 1919-1987) redacta unhas páxinas que nin sequera son en primeira instancia acusatorias. A descrición dos feitos abonda. “A súa voz medida, mesurada, para dar conta do que alí sucedeu sen entrar no máis cruento é un dos seus maiores logros”, expón o seu tradutor ao galego, “cómo expresar o inconcibíbel”.

O inconcibíbel era a maquinaria de destrución humana posta en marcha polos Gobernos alemáns do III Reich. Mais en absoluto fai parte a obra de Levi desa corrente que entende inexplicábel o Lager. “Efectivamente. En Se isto é un home non hai carnizaría e, porén, o lector vai sentir a mesma angustia cunha anécdota banal”, di. Por caso, cando o autor explica porque os gardas de Auschwitz -onde foi deportado en 1944- mataban máis italianos que xentes doutras orixes: porque non comprendían as ordes en alemán.

A arbitrariedade absoluta era sinónimo de terror. “O prisioneiro non sabía a que se ater, non había fórmula para adaptarse”, sinala, “o proceso de alienación iniciábase nada máis atravesar o portal Arbeit Macht Freit”. O nome de cada persoa desaparecía e substituíao unha matrícula. Tamén desaparecía o pelo, rapado. Non se recoñecían entre eles, lembra Primo Levi. Tratábase da “vida núa” teorizada despois polo filósofo italiano Giorgio Agamben: apenas existencia biolóxica.

Primo Levi, que se autodefinía no intre de ser detido polos fascistas como alguén de “24 anos, pouco siso, ningunha experiencia e unha decidida propensión a vivir nun mundo de meu escasamente real”, xudeu asimilado e non practicante, só achou un paralelismo posíbel para Auschwitz: o Inferno de Dante. Facer memoria dos tercetos encadeados da Divina Comedia axudoulle a sobrevivir. “Outros amarrábanse á fe. Os políticos organizábanse. Levi someteuse á súa cultura”, considera Garrido Vilariño.

Philip-Roth-e-Primo-Levi

Se isto é un home, primeira peza dunha triloxía que completan A tregua (1963) e Os afundidos e os salvados (1986), tardou algúns anos en erixirse no que é na actualidade: “O libro que marcou unha mudanza radical na intepretación do Holocausto”. Os seus perpetradores non eran monstros, houbo política. Nun dos apéndices que, coas sucesivas edicións, redactou Primo Levi, explicaba que o problema xa non eran nin Hitler nin Mussolini, senón o que acontecía en Vietnam ou en Alxeria.

Influencia na literatura galega   


O tradutor, profesor no Instituto Politécnico de Vigo e membro do grupo Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, non percibe influencia directa de Levi na literatura galega. Pero si indirecta. “Nos 90 empeza a era do testemuño en relación aos campos nazis. Cambian as pautas de recuperación da memoria. Aquí fálase case por primeira vez dos galegos  mortos en Mauthausen”, indica. Só un artigo publicado en 1987 en Grial fixérao antes.

Que a Illa de San Simón pasase a ser denominada campo de concentración ten a ver, segundo Garrido Vilariño, coa nova perspectiva aberta pola popularización de Se isto é un home e a “nova maneira de encarar o enfrontamento co pasado”. Cuxa versión en galego, encargada pola editorial, está relacionada coas súas investigacións e proxectos. A súa tese de doutoramento -Tradución e literatura do Holocausto- abordaba comparativamente oito traducións do libro. Algúns anacos xa os empregara cos seus alumnos de 2º de BAC do Politécnico e nun curso de formación do profesorado.

“Dar testemuño por aqueles que xa non o podían dar, esa foi a finalidade de Se isto é un home”, resume.

Nota: cuberta da tradución galega de Se isto é un home e foto de Primo Levi (dereita) co escritor estadounidense Philp Roth.



x