CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

The Rider, vaqueiros nas antípodas de John Wayne

The Rider, vaqueiros nas antípodas de John Wayne
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

THE RIDER

(EUA 2017, 104 min.)

Dirección e guión: Chloé Zhao

Fotografía: Joshua James Richards

Música: Nathan Halpern

Elenco: Brady Jandreau, Tim Jandreau, Lilly Jandreau, Leroy Pourier, Cat Clifford, Tanner Langdeau, James Calhoon, Lane Scott

 

SINOPSE

Brady sofre un accidente de rodeo que o incapacita para volver a montar cabalos. Pese ás recomendacións médicas, e as evidencias de falta de control corporal, segue obsesionado co mundo do rodeo, así que decide poñer todo o seu empeño para recuperar o único que lle dá vida.

 

CRÍTICA

Segunda longametraxe da cineasta chinesa Chloé Zhao tras Songs My Brother Taught Me, un drama desenrolado polo Instituto de Sundance e producido por ela mesma e mailo gran Forest Whitaker que foi nomeada a Cámara de Ouro en Cannes 2015. Contaba unha historia ambientada nunha reserva india onde xa apuntaba certa fascinación polos cabalos... Agora, con The Rider, desprega un filme completo arredor da paixón polo mundo equino inspirado na vida real da estrela do rodeo Brady Jandreau.

 

Jandreau quedou mancado gravemente na cabeza após de caer do cabalo que montaba nun show. Despois de varios días en coma esperta pero recoméndanlle non volver montar se non quere rematar nunha cama ou nunca cadeira de rodas de por vida. O guión de Zhao céntrase precisamente no proceso de recuperación posterior de Brady e a loita entre a crúa realidade (física) que lle impide montar en condicións e a paixón cabalar que, precisamente, é o que lle dá vida...

 

O curioso do asunto é que Jandreau interprétase a si mesmo en The Rider —co alcume de Brady Blackburn— onde tamén se “autointerpretan” seu pai (Tim Jandreau) e maila súa irmá (Lilly Jandreau). Un docudrama que non só trata de como un home desafía a razón e trata de vencer as súas (novas) limitacións, senón tamén de como viven os vaqueiros, as súas familias, os seus soños, como se divirten, pasan o tempo, os temas de conversación... en definitiva, como se relacionan entre eles e, claro, cos cabalos.

 

A priori pode dar bastante preguiza achegarse ver un filme ambientado no rodeo americano, mais non é só un filme de “cabalos” e cowboys machotes, mais ben os cowboys de Zhao son bastante sensíbeis. Certo que teñen as súas paranoias ultra relixiosas, son temerosos de Deus e están a prol da familia tradicional, pero están nas antípodas do prototipo “John Wayne” rudo e malencarado.

 

Tiña que ser precisamente unha estranxeira a que dese coa verdadeira alma do rodeo. Deconstrúeo e íspeo ata desprendelo de todo glamour para descubrir ao mundo a realidade da xente que o vive desde dentro, coma unha obsesión, un lugar onde poñerse a proba, un modo de vida. Apenas 8 segundos enriba do cabalo, pero 8 segundos que crean adición... e tamén moitas lesións; algunhas irreversíbeis. Zhao tamén se achega a esta realidade engadindo que en The Rider “o 40% é ficción, e o 60% real”... Hai que engadir que é 100% pura poesía.

 

Ao final logra que entendamos esta teima polos cabalos, e faino cunha dirección pausada, sen artificios, afondando nas persoas, nos sentimentos: o compañeirismo, a amizade, o afán de superación, a afouteza, a obsesión... Todo empaquetado cunha preciosista fotografía que verniza praderías infinitas baixo solpores multicolor, noites estreladas alumeadas polo lume dunha fogueira e, claro, cabalos... cabalos tan de preto que, xunto co excelente traballo de son, case podemos apalpar. Óscar á vista?

 

Se O corcel negro (1979, Carrol Ballard) está entre os teus filmes favoritos, gozaches con Lean on Pete (2017, Andrew Haigh) e deveces por ver Trote (de Xacio Baño) —iso se non tiveches a sorte de mirala xa—, definitivamente debes marcar a lume na axenda The Rider... Pero tamén se queres fuxir “do de sempre” e gustas de filmes que apostan por narrativas a flor de pel.