A CUARTA FEIRA 29 DE MAIO

Todo pronto para a homenaxe a Xabier P. Docampo

Todo pronto para a homenaxe a Xabier P. Docampo

A cuarta feira, 29 de maio, A Coruña acollerá un acto de homenaxe ao escritor Xabier P. Docampo organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda.


Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e unha das voces máis singulares e galardoadas do sistema literario galego, Xabier P. Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018) será homenaxeado a próxima cuarta feira, día 29 de maio.

Organizan a xornada a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que ás 18 horas colocarán unha placa na casa en que residiu (praza González Dopeso nº 1 A Coruña) e que ás 20.30 horas convocan o acto Xabier P. Docampo na voz da amizade, no Teatro Rosalía de Castro.

“Serán as persoas que compartiron con Xabier moitos momentos da súa vida as que nos falen da súa obra, do seu compromiso, da escola, do seu activismo…”, explican as entidades organizadoras, que sinalan que intervirán, entre outras persoas, Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey, para dar conta da gran vocación de Xabier P. Docampo, o ensino, campo ao que se dedicou profesionalmente.

Para falar do seu activismo social tomarán a palabra Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado (que escribira un artigo para Sermos Galiza após o falecemento do seu amigo) e Paco Martín, Mª Xesús Fernández, Xosé Cobas e María Canosa debruzaranse sobre a literatura.

O acto, que será conducido pola escritora Yolanda Castaño, contará coa presenza da contacontos Paula Carballeira, que lembrará a figura do homenaxeado a respecto do relato oral. A música virá da voz de Miro Casavella e poderán escoitarse as obras de Xabier P. Docampo “De cores e de amores”, na voz de Daniel Laxe, e “Bolboretas”, na de Uxía López.

Unha das últimas entrevistas concedidas polo autor antes do seu falecemento foi publicada por Sermos Galiza a raíz da publicación de A nena do abrigo de astracán (Xerais).