Todos a favor do aeroporto Rosalía

Todos a favor do aeroporto Rosalía
Imaxe do pleno de hoxe no que se aprobou a Declaración Institucional
Imaxe do pleno de hoxe no que se aprobou a Declaración Institucional  

O Pleno do Concello de Santiago vén de aprobar unha declaración institucional de todos os grupos municipais na que instan ao cambio de denominación do aeroporto. 


Todos os grupos do Concello acordaron no pleno celebrado na tarde de hoxe -quinta feira "instar ao Ministerio de Fomento e a AENA a que aproben e dean efecto ao cambio de denominación do Aeroporto de Santiago de Compostela, para pasar a denominarse Aeroporto Rosalía de Castro, Santiago-Lavacolla". 

Alén disto, na mesma declaración demandan "das institucións e entidades culturais, empresariais, sociais, etc. da nosa cidade e do resto do país o apoio á presente declaración". No propio pleno estaba presente facendo explícito este apoio o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Outras institucións, como o Consello da Cultura, a RAG e a Consellaría de Cultura e Educación, tamén secundan a proposta, segundo o Concello. 

A Fundación Rosalía, o Consello da Cultura e a Consellaría xa manifestaron o seu apoio, segundo o Concello

No texto previo, a declaración afirma que “cando pensamos nunha imaxe icónica de Galicia aparécesenos unha persoa que brilla con luz propia, unha figura fundamental da literatura europea, a escritora máis representativa da lingua galega, unha muller que naceu en Compostela: Rosalía de Castro, de quen este ano conmemoramos o que sería o 180 aniversario do seu nacemento”. 

O Concello pretende, ademais, que tal denominación se faga efectiva o 24 de febreiro próximo, data do nacemento da poeta que se converteu nos últimos anos nunha celebración clave no calendario cultural galego co nome de Día de Rosalía.