O Torrente Ballester convértese no premio mellor dotado de narrativa en galego

O Torrente Ballester convértese no premio mellor dotado de narrativa en galego
Presentación da iniciativa por parte de Goretti Sanmartín
Presentación da iniciativa por parte de Goretti Sanmartín  

Até o de agora o Premio Torrente Ballester de Narrativa admitía orixinais en galego e en español, pero en 37 edicións só 7 foran acadados por textos en galego. A Deputación vén de crear dous premios, un en cada lingua. 


A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, anunciou hoxe a modificacións das bases dos premios culturais coa reformulación do premio Torrente Ballester creando dúas modalidades, unha en galego e outra en castelán. “Era unha demanda do mundo literario que reclamaba unha convocatoria dedicada a promover e recoñecer a creación literaria de narrativa en galego. Consideramos necesario botar a andar un novo premio en galego, coa mesma dotación, que poña á literatura galega en pé de igualdade coa literatura castelán”, explicou Goretti Sanmartín.

Deste xeito, o Torrente Ballester pasa a converterse no premio mellor dotado da narrativa en galego, con 25.000 euros de montante económico. Os seguintes son o Blanco Amor (12.000 euros, dereitos de autor á parte) e o Xerais (10.000 euros, incluídos os dereitos). 
 
A área de Cultura convocou oficialmente os premios Castelao de banda deseñada, González Garcés de poesía, o Jesús Núñez de artes gráficas, o Fraguas de artesanía, o Certame Musical e dúas modalidades de narrativa, o TorrenteBallester en galego e o Torrente Ballester en castelán. O prazo de entrega dos traballos será o 30 de xuño, agás o Jesús Núñez que remata o 30 de xullo. Os premios entregaranse nunha gala coa que a Deputación da Coruña homenaxeará tamén ao poeta Miguel González Garcés de quen este ano se cumpre tamén o centenario do nacemento.