TOURIÑÁN ANIMA A SOCIEDADE E OS MEDIOS A "SACAR PEITO COA NOSA LINGUA"

A II Gala dos Medios en Galego reclama en Pontevedra unha lei de publicidade institucional

A II Gala dos Medios en Galego reclama en Pontevedra unha lei de publicidade institucional
IMG_20190202_135307
IMG_20190202_135307  

As persoas participantes no evento sinalaron que a situación do idioma é "preocupante mais non irreversíbel" e solicitan "máis apoio das administracións". O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que os medios en galego "terán sempre as portas abertas".


A II Gala dos Medios en Galego que tivo lugar esta mañá en Pontevedra defendeu o emprego do idioma propio nos medios de comunicación do país, para os que reclamou "máis implicación das administracións". Aínda que as persoas que interviron no decurso do acto alertaron da delicada situación na que se atopa o galego, apuntaron tamén que cómpre "máis que nunca sacar peito coa nosa lingua", en palabras do humorista Xosé Antonio Touriñán, encargado de conducir o evento.

A mensaxe final da gala estivo cargada de optimismo por parte das e dos xornalistas que non entenden outra forma de informar aos galegos "que non sexa na súa propia lingua". E se ben fixeron balance dos logros conseguidos nos últimos tempos, e que se traducirán por exemplo en que en breve haberá en papel un xornal en galego -sermosodiariogalego.gal-, lembraron as contas pendentes. Entre estas están un maior respaldo das administracións e a demanda dunha lei de publicidade institucional que lles permita "mitigar a clara desvantaxe na que nos atopamos e a discriminación que sufrimos con respecto aos grandes da comunicación en Galiza".

A súa reclamación puido chegar de primeira man a algúns dos responsábeis institucionais do máis alto nivel, xa que á gala asistiron Xosé Leal, responsábel da área de Cultura na Deputación de Pontevedra; o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta. Precisamente este último envioulles unha mensaxe de apoio aos medios en galego, para os que dixo que a Consellería de Cultura "terá sempre as portas abertas". García recoñeceu que estes medios -na Asociación de Medios en Galego son máis de sesenta- non son os máis fortes, mais tamén sinalou que cada vez son máis e que se están a consolidar, especialmente na rede.

Un total de nove persoas interviron na II Gala dos Medios en Galego. Entre todas fixeron unha radiografía da situación do galego nos diferentes eidos, especialmente nos medios de comunicación. Así, o debuxante Kiko Da Silva escenificou a “incerteza” na que se atopa a banda deseñada galega e reclamou apoio económico para este tipo de iniciativas. Luis Álvarez Pousa, de Tempos Novos, indicou que é necesaria unha maior profesionalización dos medios e avanzar na calidade da información e opinión, e salientou o esforzo que os medios en galego fan porque, dixo, ofrecen información “con independencia e calidade”. Concluíu Pousa que a sociedade “ten que tomar consciencia duns medios sen novas falsas e que non están condicionados” e insistiu en "dar a voz de alarma ás administracións para que nos deixen de discriminar no reparto da publicidade”.

Anxos Sobriño, en representación de Cotenol, os técnicos de Normalización Lingüística; Xaime Iglesias, da asociación Cedofeita, e Eva Mejuto, organizadora do Salón do Libro, interviron, xunto con Ubaldo Cerqueiro, vicepresidente da Asociación de Medios en Galego, nun acto que estivo musicado por Ugia Pedreira e que contou coa presenza do presidente do consello de administración de Sermos Galiza, Xoán Costa.