XABIER DÍAZ, MÚSICO

"Con este traballo recupero o meu propio paso"

"Con este traballo recupero o meu propio paso"
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre  

Conversamos con Xabier Díaz arredor do seu último traballo, The Tambourine Man. 


Xabier Díaz estrea disco. Un proxecto que el define como "coral" mais tamén "persoal". Acompañado das Adufeiras de Salitre achéganos 12 coplas recuperadas do "noso ADN máis propio" mais que teñen un "vocación universal". Tradición e vangarda coa que invocar, cal Dylan, a Mr. Tambourine Man. 

Por que The Tambourine Man como título para este novo traballo?
Obviamente é unha referencia á marabillosa canción de [Bob] Dylan na que invoca un tambolireiro. É do ano 1965 e eu son da colleita de finais dos sesenta. Pareceume, con humildade, que son precisos máis movementos transfronteirzos entre tribos. Ás veces semella que vivimos en espazos acoutados. Persoalmente quixera que o disco tivese cantos máis escoitantes mellor. 

No traballo a voz, mais tamén a percusión, xogan un papel protagonista, ten algo a ver tamén con ese tamborileiro?
Ás veces non somos conscientes da importancia destes instrumentos e da súa pegada na nosa historia como elemento diferenciador. Son os instrumentos que construíron a nosa música --tanto a voz como a percusión. As pandeiras, os pandeiros... son o seu cerne ou elemento fundamental malia que sufriron tradicionalmente un desleixo. Neste senso, quixemos que fosen a base ou a estrutura do disco que, despois, revestimos con outros instrumentos da contorna da nosa música. É unha maneira de comprometerme coa súa defensa e promoción. 

"Son precisos máis movementos transfronteirzos entre tribos"

O disco baséase nas recolleitas que foches desenvolvendo como investigador e compilador da música tradicional. As mulleres xogan, nese senso, un papel fundamental...
Importantísimo. Foron as que gardaron ese acervo na súa memoria e o trouxeron até aquí. De cada 10 informantes nas miñas recollidas 8 eran mulleres. Sen elas non contaríamos con todo o que fai parte do noso ADN máis propio. Sería imposíbel crear e recrear o noso discurso. Desa labor [de recollida] xurdiu Coplas para Icía no 2007 no que as mulleres eran eixo e argumento. Estou moi agradecido a todas elas, e foron moitas as que coñecín neste tempo. 

Fica moito por descubrir aínda na nosa tradición?
Queda moitísimo por descubrir para alén do publicado nos cancioneiros porque hai moito material compilado, gravado e mesmo dixitalizado que fica por reinterpretar. As posibilidades son infinitas para seguir creando. Pódense facer cousas novas a partir dese substrato. Pode ser absolutamente infinito. Neste traballo hai 12 cortes que son practicamente inéditos, novos. Hai moitos discos por facer. Temos a sorte de vivir nun país tremendamente afortunado. Porén, isto é concibido case sempre desde esa ollada costumbrista e non se valora. Mais, coido que isto é un mal conxénito [sorrí]. 

"Neste traballo hai 12 cortes que son practicamente inéditos, novos"

Un elemento chave deste traballo son as Adufeiras de Salitre. Como nace este tándem?
Naceu de xeito moi natural e quizais azaroso. Eran alumnas durante o tempo que fun profesor de adufe e pandeiro cadrado, dous instrumentos que estaban nun punto de esmorecemento. Fixen traballo de investigación para recuperalos. Nun comezo [as Adufeiras] ían participar nalgúns temas e pouco a pouco foron facéndose oco achegando sangue novo. Elas personalizan ou son depositarias, na liña da pregunta anterior, deses contactos que fixen coas mulleres nas aldeas ás que fun. Paréceme poético entrar o que aprendín e que elas o poñan en valor. Que o continúen e mesmo agardo que cheguen a ter vida propia como grupo. 

Ao longo dos últimos anos fixeches parte de proxectos colectivos e agora volver a editar un traballo en solitario, en que punto te atopas da túa carreira?
Recuperando o meu propio paso. Durante 8 anos participei en proxectos colectivos nos que desfrutei moitísimo e me enriqueceron. Mais tiña gañas de recuperar o meu discurso, de voltar ao meu rego. De todas maneiras, aínda que semelle existir certa xerarquía este é un proxecto coral aínda que persoal. Del fan parte 11 mulleres e 2 músicos excepcionais. 

"Tiña gañas de recuperar o meu discurso, de voltar ao meu rego"

Lanzas o directo deste traballo na Coruña o día 16 de outubro como se presenta?
Ten boa traza. O feedback que recibimos durante estes días tanto do público coma da prensa reflicte que o traballo espertou curiosidade porque é un disco que afonda no noso ADN. Estou moi ilusionado con comezar na Coruña de onde eu son e onde vive a miña familia. O 21 de novembro estaremos en Vigo e en decembro iremos a Madrid e Barcelona. Outra das nosas apostas é que o disco teña unha vocación universal, saír do país. Para facer viábel o meu traballo, son músico profesional, é preciso saír fóra poque esta leira ten as súas dimensións. A nosa actividade, coma outras, coma o viño, tamén hai que levala por aí. Asemade, coido que temos unha moi boa semente.