“A Trabe de Ouro” conmemora o seu número 100

“A Trabe de Ouro” conmemora o seu número 100
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín  

Alcanzar o número 100 como revista de pensamento crítico é motivo de conmemoración  e iso é o que están a facer desde A Trabe de Ouro cunha serie de presentacións públicas co director Xosé Luís Méndez Ferrín e o editor Olegario Sotelo Blanco. 


Cen números e vintecinco anos de publicación continuada é a bagaxe que estes días conmemora a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro que conta desde os seus inicios co escritor Xosé Luís Méndez Ferrín como director. 

Con este motivo, a revista está a desenvolver unha xeira de presentacións públicas en distintas cidades e vilas do país que, poucos días despois da que tivo lugar na Facultade de Filosofía de Compostela, chega esta quinta feira ao concello de Teo nun acto que terá lugar ás 20:00 horas na Mediateca do Grilo e que contará coa participación do director, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor, Olegario Sotelo Blanco, o membro do Consello de Redacción, Francisco Fernández Rei e o alcalde de Teo, Martiño Noriega Sánchez. 

No seu número cen, que se corresponde cos meses de outubro, novembro e decembro do pasado ano, a revista ofrece un painel de colaboracións na liña do seu formato habitual, con ensaios de relevantes pensadores xunto con investigacións sobre diversos temas, en especial, referidos a diferentes aspectos da cultura galega. Desta volta, A Trabe de Ouro inclúe no seu índice artigos de Alain Badiou ou Edwar W. Said canda un achegamento á figura de Luís Iglesias de Manuel R. Bermejo ou a publicación de aforismos inéditos de Otero Pedrayo por Manuel Outeiriño. O director, Xosé Luís Méndez Ferrín asina neste número o artigo “O Padre Feixóo e o conflito ideolóxico no Ourense decimonónico”.