A transgresora ‘Santa’, de Asorey, de volta na Galiza

A transgresora ‘Santa’, de Asorey, de volta na Galiza
[Foto: Xunta] A 'Santa' de Francisco Asorey
[Foto: Xunta] A 'Santa' de Francisco Asorey  

A Santa, a controvertida escultura do cambadés Francisco Asorey, volta a Galiza para a exposición Galiza, un relato no mundo. Poderá verse na Cidade da Cultura de 14 de novembro a 12 de abril de 2020. A obra, para alén do seu enorme valor estético, foi obxecto de polémica por rachar cos códigos estéticos da representación feminina do momento histórico.


A Santa, tallada en madeira policromada, supón unha das obras máis destacadas do escultor Francisco Asorey, polo “potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega”, destacan desde a organización. A peza volve a Galiza após case 70 anos de ser trasladada a Uruguai, grazas a un acordo coa Casa de Galiza de Montevideo que vén de pechar a Xunta. Será un dos reclamos máis importantes da exposición Galiza, un relato no mundo que se inaugura no Gaiás o vindeiro 14 de novembro e poderá verse até o 12 de abril de 2020.

Supón unha das obras máis destacadas do escultor Francisco Asorey, polo “potente e provocador simbolismo co que representou a muller labrega”, destacan desde a organización

Polémica

A escultura retrata unha labrega co corpo espido, marcado polos duros labores do agro, nunha representación que se afasta a pasos de xigante do estándar da figura feminina idealizada que predominaba na arte de principios do século XX. Porta, ademais, un xugo de vacas, que potencia a mensaxe de traballo e sometemento.

[Foto: Xunta] A 'Santa' de Francisco Asorey

A figura foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid. “Dun realismo cru, brutal”; “dunha orixinalidade, atrevemento e beleza que só un artista de excepcionais facultades pode concibir e executar”; “a obra máis orixinal, máis dotada de virtualidade estética e de resistente valía que hai na Exposición Nacional”. Así describía a Santa prensa da época. Porén, non a todos agradaba a atrevida proposta estética do cambadés. Cualificada de “grotesta” por Valle-Inclán, xerou gran debate non só pola maneira de formular o corpo feminino, senón pola súa lectura política como símbolo da situación da Galiza na época.

A Santa xerou gran debate non só pola maneira de formular o corpo feminino, senón pola súa lectura política como símbolo da situación da Galiza na época

Francisco Asorey (1889-1961) estudou co mestre Parellada en Barcelona. Asentouse de novo na Galiza ao gañar a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, cidade onde fundou o seu obradoiro, xunto ao convento de San Domingos de Bonaval. Del saíu a Santa, así como outras recoñecidas obras en madeira policromada como Picariña, Naiciña ou O Tesouro. Asorey é autor dalgúns dos monumentos máis representativos esparexidos por Galiza adiante: o Monumento a San Francisco (Santiago de Compostela), o Monumento a Curros Enríquez (Xardín Méndez Núñez da Coruña) etc.

Outras pezas

Manuel Gago é o comisario da exposición Galicia, un relato no mundo, que contará con máis de 300 pezas custodiadas en diversas institucións de todo o mundo, como o Trinity College de Dublín, a Biblioteca Apostólica Vaticana ou a Cambridge University-Parker Library, moitas das cales viaxarán por primeira vez a Galiza. Outras dúas pezas moi vencelladas ao nacemento das comunidades galegas en América conforman a escolma: a bandeira sinxela do Terzo de Galegos de Buenos Aires e a talla do Santiago Matamouros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galiza, da Habana.

O retrato ecuestre de Pedro Antonio Fernández de Castro, o Libro das Invasións, o Mapa de Sawley, o Codex Aretinus de Arezzo, o Cancioneiro da Vaticana ou dous Liber Sancti Iacobi serán algunhas das pezas que se poderán contemplar na mostra que organiza a Consellaría de Cultura e Turismo coa colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración. Será, segundo anuncian, a primeira exposición internacional do Xacobeo 21.