PLAY-DOC DO 3 AO 7 DE ABRIL

Tui, capital do cinema de non ficción

Tui, capital do cinema de non ficción

O real e o seu tratamento cinematográfico presiden un dos festivais fílmicos de maior relevo internacional entre os organizados en Galiza: o Play-Doc de Tui. Entre o 3 e o 7 de abril, a vila fronteiriza acolle estreas, retrospectivas do máximo interese e ambiciosas palestras de cineastas.
 


Na sección competitiva do certame proxectaranse seis obras. “Teñen como común denominador a construción da memoria”, sinala a organización, “unha memoria ben persoal, ben colectiva, ben familiar, ben histórica”. Esa edificación dos recordos realízase a partir de materiais diversos: fotografías, rexistros sonoros, escrita ou imaxes en movemento.

Unha historia de África (2019), do estadounidense Bill Woodberry; A volta ao mundo quando tinhas 30 anos (2019), portuguesa, de Aya Koretzky; Carelia: internacional con monumento (2019), do español Andrés Duque; Humberto Mauro (2018), do brasileiro André di Mauro; Introdución ao escuro (2019), de Gastón Solnicki, e Nona, se me mollan, quéimoos (2019), da chilena Camila José Donoso optarán ao premio do Play-Doc.

O xurado que decidirá o galardón fórmano as programadoras Garbiñe Ortega e Gerwin Tamsma e o crítico Olaf Möller.

Outro apartado fundamental do festival dirixido por Sara García e Ángel Sánchez é Panorama Galicia. “Un dos compromisos e obxectivos do Play-Doc é poñer en valor o enorme talento cinematográfico que hai en Galiza”, asegura a organización, “móstranse traballos recentes producidos en Galiza que exemplifican a constante ebulición deste territorio”. Nesa informe, ampla, plural etiqueta Novo Cinema Galego, a non ficción é habitual.

A Typical Morning, de Arancha Brandon; Empalaos-Valverde de la Vera, de Iria Sanjurjo; Gallo, de Antonio Díaz Huerta; Hamada, de Eloy Domínguez Serén; Ilha, de Alexandre Cancelo; Lucía en la noche, de David Varela; Manoliño Nguema, de Antonio Grumfeld; Rexistros. Xeografía de San Sadurniño, de Adrián Canoura, e What you gonna do when the world’s on fire, de Roberto Minervini integran o programa de Panorama Galicia.

Mesas redondas, obradoiros de 16 milímetros ou de cinema infantil e dous repasos antolóxicos, pola obra do estadounidense Bruce Weber, pola do alemán Wolfang-Eckhart Bühler e polo “pai do cinema filipino” Kidlat Tahimik, fan parte da 15ª edición do Play-Doc. Velaquí os horarios completos do encontro.



x