PAULA GODINHO, ANTROPÓLOGA

“A turistificación do entroido ten un efecto excelente en canto á autoestima local”

“A turistificación do entroido ten un efecto excelente en canto á autoestima local”
Paula Godinho
Paula Godinho  

A profesora Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, ofreceu a pasada sexta unha palestra no Museo do Pobo sobre os entroidos galegos e, máis concretamente, sobre o de Vilariño de Conso. Apaixoada destas festas, fala con entusiasmo sobre este fenómeno na Galiza, que a leva traendo ao noso país desde 2003. 


- Como comezou o seu achegamento ao estudo do entroido galego?
- Cheguei por dúas vías: a primeira é porque desde hai 30 anos eu traballo as festas e as máscaras do ciclo de inverno en Portugal. No nordeste transmontano concéntrase do nadal ao día de reis. Por un lado, eu xa tiña traballo longo e, por outro, eu traballo na fronteira e tanto a un lado como a outro dela se falaba moito do entroido. E teño falado moito con persoas maiores, moitas delas resistentes ao franquismo, que sempre me dicían que durante o franquismo non podían saír aos entroidos. E eu aí decateime da importancia que tiña o carnaval como ente transgresor de ruptura e que tamén por iso os ditadores o temían, porque era un momento en que as persoas, cunha másca á frente, podían exercitar a crítica social. Ora ben, comecei a visitar a carnavais galegos, fixen longas estadías no terreo na Galiza desde o 2003, desde os xenerais do Ulla até, sobre todo, as festas da provincia de Ourense, onde me concentrei máis. E todos os anos teño ido desde entón. Interésame o carnaval desde un punto de vista da transgresión, e tamén porque dá conta da mudanza social, como a sociedade muda e como o carnaval mostra iso. Eu comecei a estudar o carnaval cos grandes etnógrafos galegos que escribiron sobre el, como Taboada Chivite ou Vicente Risco, que tamén escribiu sobre iso. 

O entroido é para Galiza o momento de retorno dos que teñen fóra

- E cales son as similitudes e as diferenzas entre os entroidos galegos e portugueses? Teño escoitado que o de Vilariño de Conso é un dos máis próximos a Portugal, e nese vostede é especialista. 
- Ora ben, digamos que os entroidos, quer dun lado, quer do outro, teñen innúmeras similitudes. O de Vilariño interésame por unha razón particular, que non é tanto as similitudes. Interésame porque agora os folións concéntranse e no pasado as festas eran de cada unha das aldeas. Neste momento, porque as aldeas desertificaron, concentrouse e é profundamente conmovente ver un desfile no que as diferentes aldeas se trasladan coas súas características específicas e que queren amosar uns aos outros, agora que xa non teñen capacidade demográfica para faceren as antigas visitas dunhas aldeas ás outras. Agora xúntanse todas. E se ti queres, esta é unha maneira moi interesante de ver como -en canto humanos- seguimos a precisar de construír espazos en común, xuntarse todos alí no centro, é algo moi conmmovente. E logo interésanme moito as mudanzas no que toca a alimentación e como foi transformada en emblema. E claro que no ciclo do carnaval na Galiza as orellas, as filloas, os freixós, son características. E as comidas gordas, porque era a última oportunidade para comer o que era gordo, xa que logo entrabas na cuaresma. E non é á toa que se chama "sábado gordo, domingo gordo, terza feira gorda". Esa transformación que se fai actualmente, coa festa do cabrito, é algo que me interesa moito, porque -máis unha vez- é un momento para estarmos uns cos outros, de nos congregarmos con quen vén de fóra. E, se quixeres, ten asociados sempre o ciclo do entroido en diferentes sitios, momentos de comensalidade colectiva. A Galiza nas etnografías máis clásicas, é sempre coñecida por momentos de comensalidade colectiva que existen en maior número que no resto de todo o Estado español. Sentares á mesa, comeres, é algo que para os galegos é fundamental, tamén etnograficamente. Neste momento tes cerimonias que tamén incorporaron formatos de comensalidade colectiva que promoven produtos locais. Por tanto todo isto dá conta de mudanzas, pero tamén dunha cousa que é perenne, que ten sentido de continuidade, que mereceu e merece perpetuación, e a construción de nocións do común, do que une, mesmo cando as demografías diminúen e as persoas emigran. Mesmo cando as aldeas van ficando cada vez máis pequenas. 

Até o franquismo, pode dicirse que o carnaval galego comezaba o primeiro día do ano. 

- Como cres que lle está a afectar a estes entroidos tradicionais a turistificación que está a chegar, en maior ou menor medida?
- Ora ben, digamos que nos casos de Xinzo, Laza e de Verín ese proceso é ben maior. Mais esta turistificación ten un efecto excelente en canto á autoestima local, porque os veciños destas vilas teñen unha percepción de que teñen unha festa especial e nun momento en que digamos que as condicións non son as mellores para a vida colectiva porque son sitios que foron a menos económica e socialmente. E desde o punto de vista económico, isto supón unha achega importante porque estimula o comercio local. Desde este lado, é profundamente positivo. Hai moita xente que demoniza esta cuestión, pero turistificar pode ser pésimo se existe un gran desrepecto por aquilo que se fai localmente e o turista se transforma nunha especie de ‘bulldozer’ que chega ao sitio e amolda a vila ás súas necesidades e non ao contrario. Mais non creo que sexa iso o que está a suceder. De calquera maneira, hai vilas como Maceda, Viana do Bolo, Manzaneda ou Vilariño de Conso, onde a turistificación é mínima. E non son entroidos que se teñen tornado pola presenza de xente de fóra. Ti notas que están alí para estar uns cos outros e para se sentiren mellor. Agora os entroidos xa non teñen só personaxes mascarados masculinos. Hai familias enteiras que se mascaran. O caso dos felos de Maceda é moi impresionante ver avós -homes e mulleres- vestidos de felos cos seus netos e cos seus fillos. Ou sexa, queren pasar algo a aqueles que están fóra. Os seus netos poden estar en Vigo, ou en Bilbao, pero regresan a propósito. Neste momento están a ocorrer fenómenos moi variados, mais sobre todo o entroido é para Galiza neste momento o momento de retorno dos que teñen fóra, porque os carnavais na Galiza son os máis potentes de todo o Estado español. 

A Galiza nas etnografías máis clásicas, é sempre coñecida por momentos de comensalidade colectiva que existen en maior número que no resto de todo o Estado español. Sentares á mesa, comeres, é algo que para os galegos é fundamental, tamén etnograficamente. 

- A túa última investigación é sobre as mascaradas de inverno en Galiza e Portugal. Que rasgos teñen en común e cales son as diferenzas?
- No que toca ás máscaras, hai materiais diferentes. En Portugal, en todo o nordeste transmontano, ti tes máscaras que son feitas de madeira e de lata. Os materiais poden ser diferentes dos que son usados na Galiza, e tamén como son pintadas. As máscaras teñen unha función catártica e tamén de ocultación, mais o tema da transgresión, iso é similar. En Portugal as máscaras concéntranse máis entre o día de nadal e o de reis, e despois hai fenómenos curiosos e comúns, como unha concentración no tempo das máscaras. Até o franquismo, pode dicirse que o carnaval galego  comezaba o primeiro día do ano. E, aliás, tes isto curiosamente nos sitios do mundo que foron colonizados por España, porque tes carnavais que comezan ese día, como en Uruguai, por exemplo. ora, en Portugal, as festas do ciclo de inverno comezaban o 1 de novembro e duraban até o día de reis. Eses ciclos longos cos procesos migratorios deixaron de ser compaxinables. Entón, quer en Portugal quer na Galiza, ti tes esas similitudes. Cando tes función de máscara, é moi idéntica, foi e é aínda un formato a través do cal podes dicir a quen manda, aos poderosos, o que non podes dicir o resto do ano, e que corres risco se o dis fóra destas datas. Aconteceu isto nun tempo longo, e acontece na actualidade. Digamos que mesmo nunha sociedade que parece máis aberta aparecen casos como o que sucedeu en Verín hai dous anos cando houbo interferencia por parte dun conxunto de veciños ligados á igrexa católico que tentaban que o carnaval non tivese un lado tan transgresor. E este ano coa polémica do cartel na Coruña foi o mesmo. Tamén en Portugal tes sitios como a Bemposta, que é no concello de Logradouro, no nordeste de Portugal, temos o caso de algunhas aldeas onde as máscaras foron queimadas nos anos 30 e 40. Os curas e frades compraron as máscaras e fixeron auténticos autos de fe para as queimaren. Polo tanto, os procesos de persecución das máscaras son similares e tamén continúan na actualidade. Nunha aldea do concello de Mogadouro, hai algúns anos, as crianzas dunha escola de primaria fixeron unha pintura que representa a mascarada local na entrada da aldea. Nos días seguintes apareceu unha pintada por riba dese debuxo que dicía “Cristo é melhor”. E a pintura acabou por ser borrado. Por un lado temos similitudes nas máscaras, nas funcións das máscaras e tamén na actitude pasada e actual contra as mesmas máscaras. Porque o carnaval é unha cerimonia do ciclo agrario pero xa moi ligada ao proceso de cristianización. Porque nós temos 2.000 anos de cristianismo, polo tanto todas as actividades anteriores se adecuaron a el. Entón, o carnaval é o contrario do cotiá, hai transgresión, iso é común na Galiza e en Portugal.



x