'A COMUNA DEL BARRUZO' É UN LIBRO DISCO EN GALEGO ASTURIANO

Ugia Pedreira canta na Fala

Ugia Pedreira canta na Fala
'A Comuna del Barruzo'. No centro, Ugia Pedreira. Foto: cedida.
'A Comuna del Barruzo'. No centro, Ugia Pedreira. Foto: cedida.  

O Eo-Navia é o territorio de A Comuna del Barruzo. Este libro disco, impulsado pola galega Ugia Pedreira (Foz, 1970), é o primeiro cantado na Fala, o galego asturiano, e “unha oda á ruralidade como fonte auténtica de recursos para supervivencia”.
 


O proxecto nace dun encargo de Mialma Produciois a Pedreira. “Precisaban material escolar para os colexios dos concellos do occidente de Asturies”, relata a Sermos Galiza, “onde teñen como materia na escola o galego asturiano”. Ademais, engade, había a necesidade “de fomentar a autoestima a respecto da Fala, que é como se lle chama”.

Para iso, ela e o seu compañeiro bretón Pierrot Rougier, bretón, compuxeron dez cancións, algunhas con letras de poetas do lugar como Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico e Arturo Álvarez. As formas inspíranse nos folclores galegoastur, bretón, indio ou gaélico e mais con detalles de música de cámara, reggae, rag-time e pop rock. E colaboran Quim Farinha ou Rosa Cedrón.

nena piskela

“Non é un proxecto só para crianzas, senón que fala de cousas que sucederon, que suceden”, explica Pedreira. A Comuna del Barruzo relata tamén “unha alabanza á natureza, ao seu máximo respecto e coidado” e traza “unha apoloxía dos contrastes e as diferenzas”. "Percorrín o lugar e centreime en coñecer historias, lendas, o patrimonio, a paisaxe", sinala.

As cancións dedícanse aos Seres Máxicos, “que protexen a quen mora na comuna e son responsábeis de manter os valores necesarios para a boa convivencia”. A Nena Pisquela, O ser das Ervas ou Gargallú son tres deles. E os valores, a curiosidade e a variación motora da intelixencia, a non exlusión de ningún ser, tolerancia co aburrimento, ou a aceptación de todas as emocións.

“Tamén temos en conta a diversidade funcional”, di Ugia Pedreira, “porque nesta zona tamén hai xente con discapacidades funcionais”. E unha enorme variedade instrumental que “crea diferentes paisaxes sonoras adpatdas á temática de cada Ser Máxico”: cromorno antigo, diferentes guitarras, sitar, cello, frautas, mandolinas, pandeiretas, caixón, pandeiros, violinos, asubíos, carracas, sintetizadores ou samplers.

As zonas estremeiras non son tal, a dicir de Ugia Pedreira, para quen é xustamente a Fala a que o demostra: “Cando estudaba esta parte de Asturias alucinaba coa cantidade de palabras que hai que tamén se din na Mariña, como o barruzo”. Que, segundo o diccionario da Real Academia Galega, significa “chuvia miúda”.

Nota: ilustración dedicada á canción A Nena Piskela.