ROTEIRO O 11 DE AGOSTO

A Ulloa lembra as represaliadas

A Ulloa lembra as represaliadas
Detalle do monólito en memoria de Díaz Baliño e Sixto Aguirre na Volta de Ludeiro (Palas de Rei). Foto: ARMH (@armh_memoria).
Detalle do monólito en memoria de Díaz Baliño e Sixto Aguirre na Volta de Ludeiro (Palas de Rei). Foto: ARMH (@armh_memoria).  
Na Volta do Ludeiro, no termo municiapl de Palas de Rei, apareceron no verán de 1936 os cadáveres de Camilo Díaz Baliño e Sixto Aguirre. Atila devastaba Galiza. Desa curva na actual estrada que une Lugo e Compostela partirá o domingo 11 de agosto o roteiro en memoria “das persoas fusiladas ou represaliadas” organizado pola Eira da Xoana e a asociación cultural O Galo.

Será ás 11.45 horas en Sá (Palas de Rei) cando e onde comecen os actos. A lembranza do escenógrafo Díaz Baliño e do estudante Sixto Aguirre e mais “de todas as vítimas” ao pé do monólito alí existente será a primeira das paradas. Media hora despois, iniciarase unha andaina até a Eira da Xoana.

“Son arredor de sete quilómetros de moi escasa dificultade, que se poden facer completos ou non xa que haberá coche de recollida”, indica a organización, “neste percorrido, ademais da fermosa paisaxe montesía, veranse as casas onde naceron, viviron ou se agacharon tres guerrilleiros tamén asasinados polos franquistas”.

Ao remate, haberá un xantar de convivio en que cada persoa asistente deberá levar a súa propia comida. Ás cinco da tarde, actuacións de artistas e lectura de escritoras porán o ramo á xornada.