'A DERRADEIRA LEICIÓN DO MESTRE' EXPORASE EN OURENSE ANTES DE VOLVER A BOS AIRES

Últimos días de Castelao en Compostela

Últimos días de Castelao en Compostela
Imaxe do traslado da 'Derradeira leición do mestre'. Foto: Xunta.
Imaxe do traslado da 'Derradeira leición do mestre'. Foto: Xunta.  

Dúas das exposicións de maior éxito recente en Compostela entran nos seus últimos días. E ambas as dúas comparten protagonista: Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Alba de Gloria. Unha experiencia, en San Domingos de Bonaval, e Castelao maxistral, na Cidade da Cultura, pechan a porta este domingo, 3 de marzo.
 


Castelao maxistral orbita maiormente arredor dun só astro: o lenzo A derradeira leición do mestre. O óleo, pintado no exilio arxentino en 1945 a partir da estampa de Galicia Mártir, pertence ao Centro Galicia de Bos Aires. Alí regresará, pero despois de se expor en Ourense na antiga biblioteca do pazo da Deputación provincial. A extensión ourensá é o resultado dunha negociación directa de Manuel Baltar co presidente do centro arxentino, José María Vila Alén.

A mostra do Gaiás, comisariada por Miguel Anxo Seixas, colocou a emblemática obra antifascista no centro dun discurso expositivo sobre a arte de Castelao relacionada co ensino e a pedagoxía. Castelao maxistral supón, en todo caso, a primeira vez que o cadro visitou Galiza. A súa chegada viviuse con polémica: Alberto Núñez Feixóo recibiuna cunhas palabras en que obviaba o contexto e o preciso significado da pintura, ademais de esquecer a figura de Alexandre Bóveda, fusilado, a quen Castelao dedicou o traballo.

Estadea galeguista


A estratexia de Alba de Gloria é completamente diferente. Trátase da adaptación a unha modalidade de realidade virtual da célebre intervención de Castelao no Día da Patria de 1948, tamén en Bos Aires. A Estadea galeguista que invocou o rianxeiro, e que serviu de ilustración e inspiración a xeracións de militantes comprometidos coa emancipación nacional de Galiza, cobra certa vida e resulta explicada polo miúdo.

A afluencia de público a Alba de Gloria. Unha experiencia foi elevada. Tanto que o Consello da Cultura Galega, organizador da iniciativa curada por Manuel Gago, prorrogou un mes a estadía da mesma en San Domingos de Bonaval.