'CLÁSICOS NUNHA HORA' ADAPTA PEZAS DRAMÁTICAS HISTÓRICAS

Un Ibsen de peto

Un Ibsen de peto
Imaxe de 'Casa de bonecas', pola compañía Estudo do Momento.
Imaxe de 'Casa de bonecas', pola compañía Estudo do Momento.  

Nora Helmer é unha das grandes personaxes do teatro universal. A protagonista de Casa de Bonecas rebélase, non acepta máis as condicións dadas en que facía a súa vida. Abandona o fogar. “O noso lar non foi máis ca un cuarto de xogos. Eu fun a túa boneca”, espétalle a Torvald Helmer, “como antes fora a boneca de papá; e aquí os nenos foron os meus bonecos”. O eco da peza de Henrik Ibsen non se apagou. Sábeo a compañía Estudo do Momento, que abre con ela o seu proxecto Clásicos nunha hora.
 


“As obras clásicas do teatro están formulando preguntas que aínda non teñen resposta”, considera Xoán Carlos Mejuto, animador do grupo canda Iria Ares, “nas poucas funcións que levamos con Casa de Bonecas, vemos como o público nota a súa actualidade”. E iso que a súa é unha versión adaptada -polo propio Mejuto, autor tamén da tradución- ás circunstancias da existencia moderna: reducida a unha hora de duración e ao matrimonio central, Nora e Torvald Helmer.

 

Estudo do Momento ofrecerá a súa Casa de Bonecas esta quinta feira, Día Internacional da Muller Traballadora, dentro do ciclo Arteixo activo... en feminino. “Despois da función haberá unha mesa redonda sobre a importancia da personaxe de Nora”, relata Iria Ares, “ela amosa que non cómpre ter estudos, nin ser ilustrada, que as mulleres que fan os coidados teñen a transformación dentro delas mesmas”. A seguir, asistirán á manifestación feminista da Coruña.

 

A Casa de Bonecas dunha hora está iluminada por Antón Arias, conta con vestiario de Carme Casal e música de Tito Barbeito. A idea de a empaquetar nunha hora de duración e iniciar con ela unha liña de traballo sobre os clásicos procede dunha residencia artística. “A comezos de 2017, fixemos catro funcións na Sala Gurugú da Coruña e funcionou moi ben. Logo xa a fixemos en novembro no Agora, tamén da Coruña, e co título que usamos despois: 1879. Casa de bonecas”.

 

Ao colocar o ano en que se representou por primeira vez no nome, aínda chama máis a atención o intempestivo do texto e a súa contemporaneidade. O 15 de marzo, Estudo do Momento volverá ao Agora, na coruñesa Agra do Orzán. Será a presentación oficial do premio Luísa Villalta ás iniciativas culturais pola igualdade que, convocado pola Deputación da Coruña, obtiveron con Clásicos nunha hora.

 

A seguinte estación do proxecto será un Macbeth, en versión de Manolo Lourenzo. “Respectou o verso clásico. É impresionante, cun galego fermosísimo”, explica Mejuto. Macbeth. O ruído e a furia será “un espectáculo un pouco máis ambicioso, con tres actores e mais a danza das bruxas”. “Queremos que sexa un paso adiante para a compañía”, engade. Subirá aos escenario a partir de xaneiro de 2018.



x