Un verán en Galeusca

Un verán en Galeusca
Colllage de Emma Pedreira para o texto de María Reimóndez que esta quinta feira se publica no 'Caderno de Verán' do semanario en papel Sermos Galiza.
Colllage de Emma Pedreira para o texto de María Reimóndez que esta quinta feira se publica no 'Caderno de Verán' do semanario en papel Sermos Galiza.  

Os diarios Berria, Vilaweb e Sermos Galiza, tres dos principais medios en euskera, catalán e galego, publican este verán en parcería nove textos orixinais de dez nomes actuais de referencia na literatura dos países respectivos. Unha colaboración que achega nas tres linguas a lectores e lectoras a María Reimóndez, Iban Zaldua, Susana Sánchez Arins, Tina Vallès, Katxika Agirre, Núria Cadenes, Harkaitz Cano, Sebastià Benassar, Eli Rios con Elías Portela. Narracións que se poderán gozar nos vindeiros 9 números do 'Caderno de Verán' que se edita co semanario en papel.


A sementeira é o título do primeiro texto que Sermos Galiza vai publicar en virtude desta parcería con Berria e Vilaweb. Un relato de María Reimóndez, unha das tres voces galegas neste ‘Un Verán en Galeusca’ que bota a andar esta quinta feira, día 18, no ‘Caderno de Verán’ do semanario en papel. Susana Sánchez Aríns e Eli Ríos e Elías Portela, cun texto conxunto, completan a representación galega neste proxecto colaborativo entre os tres medios. Os seus textos, aliás, irán ilustrados con collages feitos pola tamén escritora Emma Pedreira, recente gañadora do premio Jules Verne de Literatura Infantil 2019.

A colaboración entre estes tres diarios permitirá que as e os lectores gozar de dez voces actuais da literatura galega, vasca e catalá: ás mencionadas autoras galegas únense Iban Zaldua, Katxika Agirre, Harkaitz Cano (euskera) e Tina Vallès, Núria Cadenes e Sebastià Benassar (catalán).

Sermos Galiza, nos vindeiros nove números do semanario en papel, irá publicando en galego os textos destes escritores e escritoras. Máis adiante serán publicados na web en galego e na versión orixinal na que foron escritos.

María Reimóndez (Lugo 1975) é tradutora e intérprete de profesión e autora en lingua galega cunha ampla obra publicada que toca dende a poesía ao ensaio. Na narrativa destacan obras como O club da calceta (Xerais, 2006) e o ambicioso “Ciclo dos elementos”, unha serie de sete novelas independentes pero interrelacionadas das que se levan publicadas catro, En vías de extinción (Xerais 2013), A música dos seres vivos (Xerais 2015), Dende o conflito (Premio Xerais 2014) e As cousas que non queremos oír (Xerais 2018). Reimóndez é tamén unha prolífica autora de literatura infantoxuvenil con obras coma Usha (Xerais 2006), Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), Corredora (Xerais 2017) ou Fóra do normal (I Premio Agustín Fernández Paz) e de poesía con obras como Moda galega (Edicións Positivas 2002) e Galicia en bus (Xerais 2018) XX Premio Johán Carballeira.

Susana Sánchez Arins (Vila Garcia, 1974)  criou-se e cresceu no Fojo, terradentro. Estudou Filologias Hispânica e Portuguesa na USC e tem o DEA em Literatura Comparada. Põe escola no Ensino Secundário. Estudou e trabalha na escola pública. Em 2008 ganhou o XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé com a obra [de]construçom, publicada em 2009 por Espiral Maior. Seguiram-lhe Aquiltadas (Estaleiro Editora) e A noiva e o navio (Através Editora) em 2012. Em 2015 publicou seique (Através Editora) e em 2018 Carne da minha carne (Apiario Editora) e Tu contas e eu conto (Através Editora). Participou com textos voandeiros em obras coletivas e revistas e faz parte da Plataforma de Crítica Literária A Sega, para quem escreve recensões com perspetiva feminista.

Eli Ríos (Londres, 1976) Narradora e poeta, realiza obradoiros literarios e participa na plataforma de crítica literaria A Sega. As súas últimas obras, Luns e Remexido de patacas, poñen a mirada na violencia de xénero. DX e Ningunha tortilla é mala sobre a diversidade, mentres que O ceo das reixas xira na volta das limitacións das liberdades.

Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981) é un poeta e tradutor en galego, castelán e islandés, lingua na que publica baixo o pseudónimo de Elías Knörr. Considerado un dos 3 poetas máis representativos da lírica islandesa actual pola UK Poetry Review e gañador do XII Premio de poesía Afundación entre outros premios na Galiza. A súa obra baséase nas posibilidades das palabras e na busca de novas voces, completamente externas ao autor. Entre as súas obras, poemarios como Imaxes na pel, Cos peitos desenchufados,  Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum, (versión galega O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido) ou  Bazar de traidores

Iban Zaldua (Donostia,1966) Estudou Historia na EHU, onde agora imparte aulas, en Gasteiz. Colaborou en diversos medios, como Berria, e alimenta o blog Volgako bateleroak. Salienta principalmente na produción de contos, aínda que tamén é autor de narracións, novelas e ensaio. Entre as súas publicacións atópanse, entre outras, Ipuin euskaldunak (1999); Gezurrak, gezurrak, gezurrak (2000); Itzalak (2004); Etorkizuna (2005); Biodiskografiak (2011); Inon ez, inoiz ez (2014) e Sekula kontatu behar ez nizkizun gauzak (2018).

Harkaitz Cano (Lasarte-Oria, Donostia, 1975). Publicou o libro de poemas Kea behelainopean bezala nos noventa e posteriormente publicou as novelas Beluna Jazz, Pasaia Blues, Belarraren ahoa e Twist; os contos Neguko zirkua e Beti oporretan; e o libro de poemas Norbait dabil sute-eskaileran. Tamén escribiu ensaios, columnas de opinión, guións, libros ilustrados e banda deseñada. Fakirraren ahotsa (2018), a súa última novela, está baseada na vida do cantante Imanol Larzabal. 

Katixa Agirre. (Gasteiz, 1981) O seu primeiro libro publicouse en 2007. Desde entón, entre outros, sacou o libro de narracións Habitat (2009) e a novela Atertu arte itxaron (2015). Co proxecto Habitat gañou o premio Igartza. Amek ez dute é o título da súa última novela, que como os tres libros anteriores, foi publicada por Elkar.

Tina Vallès (Barcelona, 1976) publicou diversos libros, entre eles El parèntesi més llarg, premio Mercè Rodoreda 2012. Codirixe o portal Paper de Vidre, unha refrencia nos contos e narrativa curta. La memòria de l’arbre, recibiu o premio Anagrama de novela en catalán. 

Núria Cadenes i Alabernia (Barcelona, 1970). Xornalista e escritora. Entre as súas obras salientan Cartes de la presó, (que escribiu na súa estadía no cárcere) El cel de les oques, L'Ovidi; Vine al sud.  Gañou o premio de narrativa Ciutat d'Elx e o XX Premio da Crítica dels Escriptors Valencians de narrativa.

Sebastià Bennasar i Llobera (Palma,  1976) xornalista, escritor, tradutor e crítico litetario. Ten una rica e ampla traxectoria literaria na que tocou todos os paus, da poesía á novela negra, do conto á narrativa, pasando pola literatura xuvenil ou antoloxías doutros autores. Entre os premios recibidos esté o Premi Celler de LLetres 2018, por  Terra Aspriva. Un western.