BANDAS DO GALICIAN BIZARRE ESTE 4 DE MAIO

Romaría do 'underground' pop galego en Pontevedra

Romaría do 'underground' pop galego en Pontevedra
O dúo punk Lamprea Explosiva, que actuará na Romaría Galician Bizarre. Foto: Lamprea Explosiva.
O dúo punk Lamprea Explosiva, que actuará na Romaría Galician Bizarre. Foto: Lamprea Explosiva.  

Dez ou máis bandas -o cartel é imprevisíbel-, sesións de picadiscos revirados, obradoiro de baile mutante ou outro de título misterioso -Asasinar safando. Eis os contidos dunha romaría no ano 2019. En concreto, da Romaría Galician Bizarre, que este sábado 4 de maio celebra, en Pontevedra, a vitalidade do underground pop galego.
 


“O Galician Bizarre naceu en 2010 co obxecto de recoller as diferentes tendencias do autonomeado underground galego”, explican nas redes sociais sobre o evento. Tres discos compilatorios, o último de 2018, sintetizaron o estado da cuestión, que non eran tanto de proximidade estilística como de afinidade ética. Porque de todos os paus musicais hai propostas bizarras e todos estarán presentes no Liceo Mutante de Pontevedra este 4 de maio.

cartel romaría galician bizarre en pontevedra

“Queremos celebrar a primavera cunha gran romaría, que traerá até Mollabao [o barrio pontevedrés onde se atopa o local] a flor e a nata da máis abizarrada da música galega”, din. Desde a hora do vermú, a unha do mediodía e até a noite, pasarán polo escenario mutante algunha das máis interesantes propostas musicais de Galiza.

Anti S., guitarra libre a cargo do ilustrador e luthier Santi Zubizarreta, e Pálida, electrónica, abrirán a xornada. Esturao porá discos á hora de xantar e, de sobremesa, proxeccións sorpresa. Obradoiros e unha charanga de improvisación á que se poderá sumar quen queira e que leve un instrumento “que funcione sen enchufar”. A media tarde, Sara Pena ofrecerá o pregón, “porque isto é unha romaría”.

A seguir, a recta final da festa xuntará o punk minimalista e salvaxe de Contenedor de Mierda, o garaxe cósmico de Sr. Anido, o kraut pop de Ocre e, de remate, dous dúos: Zurraspa, punk riot, e Lamprea Explosiva, punk por veces case jazz. Lúa Zalamera e Wanda Buluba serán as dj coas que rematará o festexo.

A entrada é un donativo de entre 5 e 10 euros “para axudar a que esta xente siga facendo cousas bonitas”.

Nota: cartel da Romaría Galician Bizarre.