AXENDA

Unha fin de semana que dá para todo e máis!

Unha fin de semana que dá para todo e máis!

Neorretranca e posmorriña

Compostela

Salón Teatro

18-20.4.2019

20.30h

A obra, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de dez actrices, pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, dúas olladas ben diferentes que teñen a identidade galega como punto de partida común. O encontro co público será na quinta feira 18 de abril, ao finalizar a función.

Feira do Requeixo con mel

Pontevedra

As Neves

19-20.4.2019

A XXVIII Feira do Requeixo e do Mel das Neves dobra este ano a súa duración e coloca como días centrais o 19 e 20 de abril. Cun programa ateigado de actividades, con propostas para o tempo de lecer dirixidas a maiores e crianzas, para os amantes das tradicións, para aqueles e aquelas que queiran amosar as súa pericia culinaria ou para os e as que prefiran gozar, sen máis, da gastronomía. O día grande, 19 de abril, contarán ademais con animación musical da man de Circo Chosco, na Praza Maior, para as crianzas, e pechará a xornada, no mesmo escenario, co concerto de A Banda das Crechas e Davide Salvado.

De lugares e órganos

Compostela

Igrexa da Universidade

20.4.2019

20.30h

O ciclo De lugares e órganos péchase este domingo 20 de abril na igrexa da Universidade, en Compostela, co concerto “O eterno retorno. Variacións, folías, diferencias e a arte de improvisar” de Pedro Lamas (saxo soprano), Germán Díaz (zanfona e instrumentos mecánicos), Alfonso Morán (contrabaixo) e Erea Blanco Balvís (órgano). No recital escoitaranse composicións escritas orixinariamente para órgano por autores do Renacemento e no primeiro Barroco, para seren reinterpretadas a través doutros instrumentos como o saxo, a zanfona ou o contrabaixo. A entrada é gratuíta, previa retirada de invitación no Principal.

Observacións guiadas do ceo

Pontevedra

Observatorio Astronómico de Cotobade

20.4.2019

O Observatorio Astronómico de Cotobade, en Pontevedra, ofrece todos os sábados observacións guiadas do ceo, previa reserva e sempre que a meteoroloxía o permita. A actividade consta de dúas partes: observación a través do telescopio do observatorio e explicación no exterior do ceo a primeira ollada cunha duración aproximada de 45 minutos. A actividade é gratuíta.

Papar sen cancelas

A Rúa / Ponteareas

Centro cultural avenida / Auditorio Municipal Reveriano Soutullo

20.4.2019 / 21.4.2019

20.00h / 20.30h

Papar sen cancelas é un espectáculo de comedia, clown e improvisación cociñado cos mellores pratos da nosa lingua e para todos os gustos. Comedia de alta cociña sobre a cultura galega. Cun elenco conformado por Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, baixo dirección de Diego Rey, dirixido ao público adulto. Porque en Galicia cómese ben, e fálase mellor!

Gozosos Anos 30

Bueu

Diversos espazos

Até 21.4.2019

O espírito da cultura que fixo da vila Bueu un fervedoiro artístico nos anos 30 expandirase durante todo o mes de abril cos Gozosos Anos 30, un evento que inclúe exposicións, coloquios, ofrendas florais e unha festa que lembrará eses anos previos ao golpe de Estado e a personalidades como Maruja Mallo, Torrente Ballester, Rómulo Gallegos, Johán Carballeira ou José Suárez. Dirixido por Xosé Leal, o evento buscará “recrear o ambiente de esplendor artístico e cultural que se viviu neses anos”.

Obradoiro de estimulación da linguaxe para bebés

Carballo

Ludoteca Municipal Cultura

22.4.2019

17.30h

Xa podes inscribirte no obradoiro de estimulación da linguaxe para bebés de 0 a 3 anos, que impartirá Sinergia. Centro de Innovación Terapéutica a próxima segunda feira, día 22 de abril, a partir das 17:30 horas, na Ludoteca municipal de Carballo. No obradoiro ensinarán as etapas da linguaxe desde o nacemento, aprenderán a situar os patróns evolutivos das crianzas e mostrarán como se pode estimular a linguaxe nas diferentes etapas dos 0 aos 3 anos de idade. As reservas poderán facerse chamando ao 981 758 580. O acceso é libre e de balde ata completar aforo. Prazas limitadas.

Exposición fotográfica “Vestixios”

San Sadurniño

Até 10.5.2019

8.30—2.30h

A Casa do Concello de San Sadurniño acolle a exposición fotográfica “Vestixios”, de Eva Camba, unha mostra que explora a elasticidade dos espazos abandonados que ela ocupa con figuras humanas en movemento. Composta por fotografías de gran formato, as instantáneas reforzan a idea do tempo detido, da decadencia dos sitios retratados, que Camba muda introducindo a presenza de persoas desdebuxadas, difuminadas na definición da escena pola longa exposición da cámara. A colección pode visitarse ata o 10 de maio na galería do Concello cos horarios habituais: de segunda feira a sexta feira, de 8.30 a 14.30h.