O universo das curtametraxes ten epicentro en Verín

O universo das curtametraxes ten epicentro en Verín
Perto de 300 rapaces e rapazas participaron na primeira xornada de Cinema Marabillas, a actividade do FIC Vía XIV concibida para os escolares da comarca (FIC)
Perto de 300 rapaces e rapazas participaron na primeira xornada de Cinema Marabillas, a actividade do FIC Vía XIV concibida para os escolares da comarca (FIC)  

A cuarta edición do Festival Internacional Vía XIV permitirá visionar máis de 70 traballos nas diferentes categorías.


Esta fin de semana botou a andar en Verín a cuarta edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV – o nome fai referencia á calzada romana que atravesa o Val do Támega desde hai máis de 2000 anos -, un evento que fai desta localidade o epicentro das curtametraxes durante una semana.

No acto inaugural, a coordinadora do certame e concelleira de Cultura, Emilia Somoza, sinalou que o festival “logo de catro edicións, está xa consolidado na axenda cultural de Verín”. Desde o pasado sábado e até a vindiera sexta feira programaranse as 52 curtas seleccionadas no marco da competición oficial, dentro das categorías Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova.

Aliás, exhibiranse outras 20 curtas no marco das actividades paralelas, entre elas unha selección de curtas representativas da cinematografía cubana actual, pezas producidas no Sahara Occidental e tamén unha escolma de filmes nos que ten participado a actriz ferrolá, Mabel Rivera, que este ano será homenaxeada no FIC Vía XIV. Xunto a isto, poderán verse en Verín as curtas gañadoras no último Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz, RIR.

As mellores curtas de cada categoría serán premiadas por un xurado que estará composto por catro mulleres: Raquel Anido, Neves Rodríguez, Nora Sola e Claudia Expósito. Xunto a isto, entregarase o Premio da Crítica (Camira), o Premio Numax e tamén o Premio do Público.

Este último será elixido polos espectadores, que puntuarán de 0 a 10 todos os filmes nun novidoso sistema de votación que pondera o voto.