ENTRE O 12 E O 20 DE OUTUBRO

Utopías e distopías no Festival de Cinema Fantástico da Coruña

Utopías e distopías no Festival de Cinema Fantástico da Coruña
Os Percebes Mutantes que entrega o Festival de Cinema Fantástico da Coruña aos mellores filmes. Foto: Festival de Cinema Fantástico da Coruña.
Os Percebes Mutantes que entrega o Festival de Cinema Fantástico da Coruña aos mellores filmes. Foto: Festival de Cinema Fantástico da Coruña.  
O primeiro dos festivais galegos dedicados aos xéneros cinematográficos de fantástico, terror e ciencia ficción centrarase en dúas ideas clásicas dese campo: a utopía e a distopía. A décimo primeira edición do Festival de Cinema Fantástico FKM decorrerá do 12 ao 20 de outubro na Coruña.

O corpo da programación, aínda por desvelar, conterá, en palabras da propia organización, “unha coidada selección de longametraxes e curtametraxes de amplo percorrido polos mellores festivais do mundo, prestando especial atención ás producións galegas”. A maiores, haberá conferencias, unha exposición ou vídeo-regueifa.

A mostra será na Fundación Seoane e xirará arredor da obra do ilustrador Xurxo G. Peralta: 50 pezas en gran formato, debuxos, bosquexos e orixinais a cor. O domingo 13 de outubro, Lois E. Froiz impartirá unha clase mestra de título Golems, orfos, heroes e avoas: o cinema distópico da Europa Comunista. Ao día seguinte, a “mítica batalla audiovisual da vídeo-regueifa” enfrontará Lois E. Froiz con Álvaro Dorda.

No apartado de palestras participará os profesores Xosé Nogueira e Fernando Agrasar o 17 de outubro. E Alberto Ruiz de Sanmaniego presentará, nesa mesma xornada, a homenaxe ao cineasta canadense David Cronenberg. Na fin de semana do 19 e o 20 de outubro proxectaranse os filmes da sección Made in Galicia, entre eles a longametraxe As bruxas de E'lente, do ourensán Simón Vázquez.

Aínda que as actividades rematan o 20 de outubro, a verdadeira clausura será 11 días despois, no Samaín ou Noite de Defuntos, co Paseo Zombie ou Zombiewalk, en que se distinguirán os mellores disfraces.