Uxía, nominada a dous premios estatais da música independente

Uxía, nominada a dous premios estatais da música independente
Uxía
Uxía  

A cantora opta a mellor deseño gráfico e mellor álbum en galego polo seu último traballo, ‘UXIA-O’, adicado a Uxío Novoneyra


A gala de Premios da Música Independente, considerada un escaparate artístico das mellores producións musicais estatais, chega esta cuarta-feira á súa décima edición. Será no Teatro Circo Price de Madrid, onde se repartirán 20 premios, alén dunha mención honorífica. A artista galega Uxía está nominada en dúas destas categorías: “Mellor disco en galego” e “Mellor deseño gráfico”.

 

Ambos galardóns distinguen o último álbum da artista, UXIA-O, editado en formato libro-disco pola fundación Uxío Novoneyra e o brasileiro Sérgio Tannus. O traballo, unha homenaxe ao poeta do Courel, está composto por dezaseis textos musicados por unha banda de luxo: Isaac Palacín na percusión, Santi Cribeiro no acordeón, José Manuel Díaz no contrabaixo, Ana Isabel Días na arpa clásica e Quim Farinha ao violín. Ademais, o pianista Alberto Vilas colabora no tema ‘Cain as follas’ mentres que Fred Martins e Lui Coimbra prestan voz e contrabaixo en ‘O cuco a cantar’.

 

A respecto da parte gráfica da obra, o deseño cae a cargo de Niko Alvarellos e inclúe fotografías de Miguel Calvo e caligramas, alén dunha composición fotográfica na cuberta realizada polo pintor Antón Lamazares. A obra deberá competir cos discos de La M.O.D.A, Carlos Siles, Marta Pérez e Mordem, proxecto da galega Elba Fernández.

 

Unha gala con forte presenza galega

 

Uxía non será a única representante do país nestes Premios. Ademais da compositora coruñesa Elba Fernández, as bandas Os d’Abaixo, Atrás Tigre, Esposa e Habelas Hainas comparten nominación xunto á cantora mosense na categoría “Mellor álbum en galego”.

 

O coruñés Xoel López, que pasou a ser recoñecido polo seu proxecto artístico ‘Deluxe’, tamén recolle os froitos dunha longa traxectoria na música española. Esta edición opta aos premios de “Mellor álbum pop” –polo seu último traballo, Sueños y pan–, “Premio Fundación SGAE á canción do ano” e “Mellor artista”. O seu produtor, Ángel Luján, tamén opta ao premio de “Mellor produción” pola realización deste álbum.

 

Por último, na categoría de “Mellor directo” tamén se atopan os grupos galegos Novedades Carminha e Triángulo de Amor Bizarro, que se disputarán o premio co grupo biscaíño Belako, os madrileño de Morgan e a célebre banda Los Planetas.



x