Uxía, premio aRi[t]mar por “embaixadora galego lusófona”

Uxía, premio aRi[t]mar por “embaixadora galego lusófona”
A cantora Uxía. Foto: cedida.
A cantora Uxía. Foto: cedida.  

Uxía é embaixadora e pioneira da amizade galego lusófona por excelencia, con especial destaque no campo da música”. Así argumenta o proxecto aRi[t]mar o premio especial do xurado outorgado á cantora e activista cultural.
 


“Co seu traballo delongado leva abertos novos e múltiples camiños na restauración das pontes dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galiza e a Lusofonía”, engade, “cun labor permanente de reinserción da cultura galega no seu verdadeiro espazo natural”. Amais da súa propia obra musical, Uxía foi unha das impulsoras do festival Cantos na Maré de Pontevedra e a súa directora musical. Este encontro pon o foco nas músicas de expresión galega e portuguesa.

Os premios aRi[t]mar concédeos a Escola Oficial de Idiomas de Compostela e teñen “por obxectivo divulgar a música e a poesía galego portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa Lusofonía”.

Amais deste premio especial do xurado, hai distinción para as mellores músicas portuguesa, Efeito do observador dos Azeitonas, e galega, Que non mo neguen de Tanxugueiras. Até o 20 de maio aínda se pode votar nos premios aos mellores poemas, que serán tres galegos e tres portugueses.