Valle-Inclán non poderá representarse en galego até 2017

Valle-Inclán non poderá representarse en galego até 2017
Ramón del Valle-Inclán
Ramón del Valle-Inclán  

O pasado 5 de xaneiro fixéronse 80 anos do pasamento de Ramón Valle-Inclán, pero a súa obra non se libera, segundo a lei, até o 1 de xaneiro do ano seguinte. Cóntanolo o actor, director e dramaturgo Cándido Pazo, quen afirmou que este será o ano da “desamortización valleinclanesca”, aludindo á prohibición dos seus descendentes de representalo en galego, euskara e catalán. 


Así que teremos que agardar a 2017 para ver un 'valle' en galego. Xa se tentara en 1984 nada máis fundarse o CDG cando o albacea e fillo do dramaturgo se negou en rotundo a permitirlle representar en galego 'Divinas Palabras', segundo Luís Álvarez Pousa, daquela director xeral de Cultura,

Sen embargo, en 1998, o CDG baixo a dirección de Manuel Guede realizou a primeira (e única) montaxe en español da súa historia con catro obras do manco da Arousa. Aquela acción provocou unha inmediata reacción por parte do sector cultural galego, que argallou numerosas protestas, unha delas a lectura de obras de Valle en galego de forma paralela no Casino de Santiago, local que frecuentaba o artista. Curiosamente, un dos poucos intelectuais que se manifestou a prol desta representación foi o actual presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero. 

Nas redes sociais o primeiro en facerse eco da liberación de Valle foi o actor, director e dramaturgo Cándido Pazó, quen anunciou que 2016 sería o “ano da desamortización valleinclanesca”. Falamos con el desta disputa “esperpéntica”.

- Valle-Inclán está liberado entón?
- Non, cometín un erro, porque a lei di que se libera o 1 de xaneiro do ano seguinte logo de cumprir 80 anos da morte do autor. Polo tanto, como morreu un 5 de xaneiro de 1936, temos que agardar a 2017. De feito, o CDG quería facer o primeiro Valle-Inclán en galego. E dixéronlle que había que esperar o tempo legal e díxolle Guede “Bah, por cinco días”, pero nada, respondéronlle que hai que agardar un ano máis. E ata o 2017 non se libera.  

candidopazo

- Cres que esta liberación, tanto para o galego como para o catalán e o euskara, vai supoñer un aluvión de representacións?
- Non necesariamente, sobre todo en Galiza, porque os repartos das pezas de Valle son moi grandes, e hoxe en día as compañías non están para iso. Nin sequera o CDG. Eu dirixín o ano pasado o Centro e eran 6 ou 7 actores, e os de Valle non son menos de 14. Entón, moi difícil o vexo. Si que vai ser posible que moitas compañías afeccionadas, teatros comunitarios, escolas, que tampouco o podían facer, si o fagan, porque como non pagan salarios... E tampouco terán que pedir licenza, porque os dereitos cando se liberan, libéranse a todos os efectos. Até o de agora cando unha compañía amadora quería facer un Valle-Inclán tiña que solicitar exactamente igual, e tiña que pagar un canon especial, aínda que menor que as compañías profesionais.  

- Que opina do veto da familia?
- É unha pena. Os herdeiros, máis alá de que se beneficien dos réditos económicos, non debían andar tomando decisións deste estilo. Outra cousa é que o autor deixara unhas vontades, nese caso habería que respectalo, pero os herdeiros non deberían pasarse de listos.

- Álvarez Pousa tamén dicía que nada máis nacer o CDG intentou facer 'Divinas Palabras' e foi Carlos del Valle, quen se negou en rotundo. 
- Si, pero Carlos creo que xa non vive.

- O resto da familia tampouco quere?
- Hai quen si e quen non, non hai unanimidade, pero quen era albacea era Carlos e tiña ese criterio absolutamente claro, non cedía. E por un respecto a ese criterio, se non hai unanimidade que si, segue sendo que non. Eu creo que hai netos que dirían que si, e hai xente que me ten dito que mesmo algunha filla que tamén diría que si, pero como esa unanimidade non existe a efectos prácticos é que non. 

"Deberían facerse xestións para que a familia dixese que non hai que agardar a 2017 e celebrar este 150 aniversario cunha representación en galego"

- Este ano cúmprense 150 anos do seu nacemento. Que cres que debería facer a Administración galega con esta efeméride?
- Prestarlle atención, porque é un dramaturgo galego, aínda que non pertenza á dramaturxia galega, porque as dramaturxias defínense pola lingua na que están escritas. Quero dicir que Beckett é un dramaturgo irlandés, pero a súa dramaturxia é francesa. Así que Valle pertence á dramaturxia española, o cal nin é bo nin é malo, é así. Non obstante, é evidente que o galego e o país rezuma en gran parte da súa obra, sobre todo nas 'Comedias bárbaras', e é evidente que é un autor galego de nacemento que temos que reivindicar como parte da nosa intelectualidade, e merece que esa data se lembre. É unha pena, deberian facerse xestións para que a familia dixese que non hai que agardar a 2017 e celebrar este 150 aniversario cunha representación en galego, eu creo que por parte do CDG, porque é quen ten capacidade para facelo. Non sei se lles farían caso, pero que supoño que máis caso que aos particulares, aínda que tampouco confío moito. 

- Se puideras, que obra de Valle quererías representar?
- Así a bote pronto, diría que Divinas palabras, aínda que tamén me gustaría Luces de Bohemia. Pero Divinas palabras, sobre todo por iso que ten de arcano, de racial, da terra. Pero despois teatralmente falando son tantas cousas, e os esperpentos, e algunhas cousas curtiñas. O meu gusto por Valle Inclán vén máis que pola lectura polas representacións que fun mirando, e hai algunha cousa de peciñas curtas que están tamén moi ben feitas. O que si que creo é que se se fai en galego hai que prestarlle unha atención inmensa á  tradución. Eu creo que Valle en galego vai soar de marabilla, e a experiencia que fixeramos no Casino [na protesta pola representación do CDG en español] realmente demostrouse que soaba moi ben. Pero é unha tradución que non hai que tomala á lixeira. É unha das partes máis importantes da produción porque a musicalidade de Valle-Inclán hai que traballala.