CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'O Vampiro de Dusseldorf', moito máis que un filme sobre un psicópata

'O Vampiro de Dusseldorf', moito máis que un filme sobre un psicópata
Peter Lorre, o protagonista do filme
Peter Lorre, o protagonista do filme  

M, O VAMPIRO DE DÜSSELDORF

M, Eine Stadt sucht einen Mörder

(Alemaña 1931, 117 min.)

Dirección: Fritz Lang

Guión: Thea von Harbor e Fritz Lang

Fotografía: Fritz Arno Wagner

Música: Edvard Grieg

Elenco: Peter Lorre, Otto Wernicke, Gustav Gründgens, Theo Lingen, Theodor Loos, Georg John, Ellen Widman, Inge Landgut

 

SINOPSE

Un asasino de nenas está atemorizando a cidade. Toda a policía anda na súa procura pero é incapaz de atrapalo. Unha banda de ladróns, fartos da actividade constante das forzas e corpos de seguridade, decide trazar un plan para atrapar ao asasino.

 

CRÍTICA

Levamos xa varias semanas envorcados na programación do Nocturama’18 dos Numax Compostela, máis que nada porque ten unha programación cheíña das mellores ofertas cinéfilas deste recentemente estreado verán. Esta sexta feira imos poñer foco en M, o vampiro de Düsseldorf, o primeiro filme sonoro de Fritz Lang (Metrópolis, Spionen), unha das primeiras achegas no cinema de psicópatas e é unha das pezas máis sobresaíntes do expresionismo alemán, e da historia do cinema en xeral. Para entendernos... unha obra mestra.

 

Thea von Harbou e Lang escribiron o guión baseándose lixeiramente en Peter Kürten, un asasino en serie, alcumado “o vampiro de Düsseldorf”, que tivo en xaque toda a cidade durante cinco longos anos. O filme comeza identificando o asasino. Non se trata de descubrir quen é, xa o sabemos desde o principio. E non é outro que o carismático actor de ollos saltóns, daquela apenas coñecido, chamado Peter Lorre. Interpreta este psicópata pederasta con tal entrega e paixón que, despois do filme, tivo serios problemas para que a xente da rúa deixara de asocialo (en serio) coa personaxe que interpretaba. Desde entón, loxicamente, non cesaron de choverlle papeis nesta liña converténdose, cos anos, nun secundario de luxo que chegou participar en filmes coma Casablanca, Arsénico por compaixón ou O falcón maltés.

 

Pois ben, toda a cidade de Düsseldorf está en xaque. Un asasino de nenas anda solto. A policía, co inspector Lohman (Otto Wernicke) á fronte, a pesar de mobilizar toda o corpo, non é quen de atrapalo. Unha banda de ladróns, liderados por Schränker (Gustaf Gründgens), fartos de non poder exercer a súa profesión con tranquilidade, deciden trazar un plan para atrapar o psicópata. Un asubío característico, a cuarta peza da suite nº1 de Peer Gynt, obra musical do compositor noruegués Edvard Grieg, será chave para dar con el.

 

Lonxe de ser a típica historia de caza ao asasino, a trama acaba por descorrer por sendeiros insospeitados. Certo que o tema central é o dun psicópata que mata nenas mais o verdadeiro fondo do asunto ponse ao descuberto na personaxe que interpreta Gustaf Gründgens e no posterior duelo interpretativo con Peter Lorre nun xuízo popular que saca á luz o peor da sociedade alemá do momento. Unha sociedade vingativa, rancorosa e moi predisposta a ser seducida polo ideario nazi.

 

Lembremos que estamos en 1931, antesala da subida ao poder do Terceiro Reich. O pensamento xeneralizado collía unha deriva cara un pensamento único moi a favor do exterminio/eliminación de todo aquilo que non tiña cabida dentro da súa sociedade “civilizada”. Fritz Lang, xudeu e moi observador, logra sacar punta cunha abraiante crítica mordaz desta perigosa ideoloxía fascista poñendo enfronte do pobo xusto ao peor do ser humano: un asasino pederasta. O resultado é brillante. Mais isto, obviamente, non gustou nada a Hitler que acabou por prohibir o filme pouco despois de obter plenos poderes como chanceler alemán.

 

Último pase nos Numax o 11 de xullo. Unha oportunidade imperdíbel para calquera que ame isto do cinema...



x