ENTREVISTA A MOUNQUP

“Pásame moitas veces o feito de ser a única muller nun cartaz dun festival enteiro”

“Pásame moitas veces o feito de ser a única muller nun cartaz dun festival enteiro”
[Imaxe: Cedida] Mounqup
[Imaxe: Cedida] Mounqup  

Mounqup é o alter ego de Camille Hédouin (Rouen, Normandía, 1986). A súa música foxe de etiquetas, pois os seus loops e samplers soan tribais con moita influencia de jazz, música electrónica e soul. Aínda que din dela que é a Björk galega, posúe un estilo propio, hipnotizador, en que a lingua e a problemática social están presentes. Durante este verán o seu nome estivo no cartaz de festivais como o Sinsal ou o Noroeste, ademais de formar parte do concerto Compostela, Territorio das Mulleres. Con tan só dous discos editados, ten no seu haber o premio Fran Pérez “Narf” da Deputación da Coruña 2017 e o Martín Códax 2018. Eis un extracto da conversa que publicamos no número 311 de Sermos Galiza.


2Chega a Galiza en 2011 e fai dela o seu fogar. Que a trae aquí?

Nazo en Rouen, Normandía, mais desde sempre me criei en Nantes. Chego a Galiza polo proxecto de Saumede [aldea da Bola], que comezaron uns amigos de Nantes tamén. Eles tiñan pensado un proxecto de rehabilitación dunha aldea abandonada, un proxecto rural, público e cultural e atoparon un galego en Franza, que estaba de Erasmus, e foron investigar a Asturies, Portugal e Galiza e finalmente presentárono no Concello da Bola e comezaron aquí. Eu cheguei no verán de 2011 e xa quedei.

Tamén fai do galego a súa lingua.

Si, é algo natural, estou no rural. Aquí a xente fala galego e pareceume o lóxico. Fixen o esforzo de aprender galego e é o que me sae de maneira máis natural. O castelán enténdoo, mais cústame máis falalo. Falo tamén francés e inglés.

Como muller música, cre que queda moito camiño por percorrer en busca da igualdade?

Non hai igualdade. É difícil ser muller na música… mais depende como. Se me espise, de seguro que funcionaría moito mellor. Iso moléstame moitísimo, o de ser sexy como quere o patriarcado, como maneira de gustarlles aos homes. Penso que sendo muller hai que facer moito máis esforzo que sendo home. Considero que a xente ve máis críbel un mozo que manexa máquinas, compón e produce só que unha muller que fai o mesmo. A desigualdade acontece en todos os sectores, se ves unha directora de cinema, muller, vas pensar que a súa película vai ter menos acción que se a fai un director.

Na música, creo que non estamos aínda moi representadas… pásame moitas veces o feito de ser a única muller nun cartaz dun festival enteiro. Conste que na Galiza creo que se está insistindo moito na necesidade de poñer muller nos festivais sen que sexa nun escenario aparte. Hai festivais por aí adiante que dedicaron un escenario só para mulleres, “o escenario das mulleres” e non debe ser así… iso sería o contrario ao que habería que facer.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 311 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x