ALBERTE ANSEDE, SECRETARIO DA FUNDACIÓN MANUEL MARÍA

“O traballo local das asociacións culturais é fundamental, mais precisamos de coordinación nacional”

“O traballo local das asociacións culturais é fundamental, mais precisamos de coordinación nacional”
Alberte Ansede
Alberte Ansede  

Chega unha nova edición do Convivio da Cultura Galega á carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei. A Casa-Museo Manuel María chama a participar del todas as galegas e galegos e entidades culturais que queiran acudir a esta xornada lúdica e festiva para celebrar a cultura galega e avanzar na coordinación do traballo de base que realizan as distintas asociacións culturais da Galiza. Sermos Galiza conversa con Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, entidade organizadora do evento, que decorrerá este sábado, día 13.


Convivio CultutaA sexta edición do Convivio da Cultura Galega realizarase o vindeiro sábado 13 de xullo no Campo de Santa Isabel de Outeiro de Rei. Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, entidade organizadora do evento, en declaracións a Sermos Galiza anima todas as galegas e galegos e asociacións culturais a participar deste encontro lúdico e festivo, alicerzado na recuperación do espírito comunitario das tradicionais romarías e foliadas. O obxectivo é celebrar e reivindicar a cultura galega e avanzar na coordinación do traballo cultural de base que realizan as distintas asociacións culturais.

A Casa-Museo Manuel María, situada no centro da vila de Outeiro de Rei, albergará o inicio do encontro ás 11.30 horas. Posteriormente o convivio decorrerá na carballeira de Santa Isabel, a un escaso quilómetro da Casa-Museo.

Este ano o Convivio da Cultura Galega chega á súa sexta edición. Que balance fai após estes anos?

Iniciamos a celebración do convivio hai seis anos sen estar moi certos do éxito de convocatoria, mais a traxectoria demostrou que si hai espazo e necesidade dunha celebración como esta.

Aínda que hai moitas festas no pais, non abundan as de carácter galego e popular, que é o carácter que queremos dar a esta celebración. Aquí congréganse entidades culturais de base que veñen actuando nas súas respectivas localidades, poñen en común as súas experiencias e marcan unha liña de traballo conxunta para o seguinte ano.

Aquí congréganse entidades culturais de base que veñen actuando nas súas respectivas localidades, poñen en común as súas experiencias e marcan unha liña de traballo conxunta para o seguinte ano

O traballo a nivel local das asociacións culturais é fundamental, mais precisamos tamén dunha coordinación nacional. Isto é precisamente o que pretende achegar este encontro.

Así, na asemblea de entidades que haberá pola mañá intercambiaranse experiencias e exporase o programa de celebración do centenario da xeración Nós.

Que actividades se realizarán no marco deste evento?

O obxectivo do programa é propiciar unha xornada de amizade e compañeirismo a través dunha festa galega e popular. Achegaranse pois entidades diversas para facer unha festa comunal. Non nos interesa facer reclamos con grandes programacións, senón chamar a atención co carácter comunal e galego da propia festa.

O obxectivo do programa é propiciar unha xornada de amizade e compañeirismo a través dunha festa galega e popular

O encontro iniciarase ás 11.30 horas coa acollida na horta da Casa-Museo Manuel María e coa actuación do coro da asociación cultural e musical Solfa. Ás 12.30 será a ofrenda floral a Manuel María coa intervención do arqueólogo e dinamizador cultural Felipe Senén e haberá tamén un concerto da banda municipal de música Sons e Soños de Rábade-Begonte-Outeiro na carballeira de Santa Isabel. Alí decorrerá o xantar campestre na carballeira e finalmente haberá foliada con distintos grupos de música tradicional.

Como se atopa o asociacionismo cultural de base na Galiza?

Após unha etapa difícil hai agora unha revitalización moi interesante. Quizais falte que este entramado cultural afronte retos culturais estruturais, que sobrepasen a dimensión local, pois non pode haber cultura local se non a hai nacional. De aí o noso fincapé en afortalar unha coordinación entre entidades que ao mesmo tempo non faga diminuír a súa actividade local.

Que lle diría á xente para que se anime a participar?

É unha celebración na que basicamente facemos festa, mais sempre arredor duns valores que consideramos fundamentais: a valorización do patrimonio cultural, musical e etnográfico da Galiza cos que nos sentimos identificadas e identificados.

Podemos crear compañeirismo e solidaridade, é dicir, os valores eternos, sen necesidade de pagar peaxe mediante formas de expresión cultural foráneas

Entendemos que con iso podemos crear compañeirismo e solidariedade, é dicir, os valores eternos, sen necesidade de pagar peaxe mediante formas de expresión cultural foráneas. E ademais, o marco onde se realiza o convivio é incomparábel, pois trátase dunha das carballeiras máis fermosas do país.