CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O vicio que achanzou o camiño ao fascismo

O vicio que achanzou o camiño ao fascismo
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

O VICIO DO PODER

Vice

(EUA 2018, 132 min.)

Dirección e guión: Adam McKay

Fotografía: Greig Fraser

Música: Nicholas Britell

Elenco: Christian Bale, Amy Adams, Steve Carell, Sam Rockwell, Jesse Plemons, Eddie Marsan, Naomi Watts, Alfred Molina

 

SINOPSE

 

Vida e milagres de Dick Cheney, desde os seus inicios como operario en Wyoming até converterse nun dos homes máis poderosos do mundo durante o mandato de George W. Bush.

 

CRÍTICA

Nunca antes se fixera un filme dedicado a un vicepresidente dos Estados Unidos, un cargo na sombra, un segundón... Pero é que Dick Cheney foi moito máis que un segundón. Si, no comezo era un tipo mediocre, gris. Traballaba poñendo cable telefónico na súa vila natal pero, co tempo, pasou a manexar os fíos da Casa Branca e, por ende, do mundo enteiro.

 

O vicio do poder é un arrepiante, pero moi entretido biopic de Dick Cheney que ademais deixa ao descuberto moitas das causas dos acontecementos máis controvertidos da historia recente e que aínda teñen efectos hoxe en día e que derivan no auxe do fascismo, pasando pola manipulación dos medios de comunicación, as guerras colonialistas, o negacionismo do cambio climático, and many more... Hai para dar e tomar.

 

Adam McKay plasma, e sen medo a ser politicamente incorrecto, uns feitos que sorprenderán a algunhas persoas e a outras lles soarán bastante, pero sempre trata de ser fiel á realidade, salvo algunhas divertidas licenzas a modo de fake. Procura non ser moralista ou dar leccións. Máis ben trata de expoñer unha serie de acontecementos que, vistos en perspectiva, acaban por caer polo seu propio peso para calquera espectadora ou espectador cun mínimo de intelixencia.

 

O vicio do poder céntrase en Cheney e comeza co derrubo das Torres Xemelgas. Faino desde dentro, desde as altas esferas. Todas as persoas que tomaban decisións (Cheney, Condoleezza Rice ou Colin Powell) parecían nerviosas salvo Cheney, que semellaba dominar a situación pois resulta que tiña algo que outros ignoraban. Posuía a cláusula da “Autoridade Executiva Unitaria”, unha interpretación (interesada) da lei que lle outorgaba plenos poderes executivos. É dicir, era o que partía o bacallau. O dono do mundo. A partir dese intre o filme vai contando, de maneira non lineal, a historia do ascenso e caída de Dick Cheney: desde a súa mocidade á súa gran oportunidade (con Reagan), pasando polo seu momento cumio (con Bush) ata o seu colapso (con Obama). Un mexar e non botar gota continuo, tanto a nivel histórico-político como a nivel artístico.

 

Michael Moore xa fixera o en 2004 o documental Fahrenheit 9/11 que xiraba entorno ao ataque ás Torres Xemelgas e as súas consecuencias. En 2008 Oliver Stone atrevíase cun biopic non autorizado de George W. Bush baixo o conciso título de W. onde tamén saía Dick Cheney, nesta ocasión interpretado por Richard Dreyfuss. O que fai Adam McKay é afastarse do estilo nesgado de ambos, liberar a historia de discurso político e de toda belixerancia tremendista para dotalo dun amplo sentido do humor que mantén a seriedade dos feitos que se están a contar. Un xogo malabar que lle sae á perfección.

 

Christian Bale métese na pel de Cheney engordando 20 quilos, algo que non sorprende demasiado se lembramos a extraordinaria capacidade que tivo ata o de agora para gañar e perder peso. Todas e todos recordamos O maquinista (escuálido), o Batman de Christopher Nolan (mazas), Rescate ao amencer (escuálido outra vez) ou, sen ir máis lonxe, A grande estafa americana, o anterior filme dirixido por Adam McKay (Óscar ao Mellor Guión Orixinal) no que Bale engordaba tamén 20 quilos. Por O vicio do poder acaba de gañar o Globo de Ouro a Mellor Actor de Comedia, un premio que augura unha inminente nomeación ao Óscar. Non entraremos na controversia de se merece tales honores “só polo seu cambio físico” xa que, nesta ocasión, non computa: a interpretación é de 10.

 

O resto do elenco tamén está á altura: Amy Adams no rol de esposa “Lady Macbeth” impulsora da ambición desmedida de Dick Cheney (atención a xenial escena shakesperiana na cama); Steve Carell, que semella empeñado en se converter nun “actor serio”, interpreta Donald Rumsfeld, outro dos que cortaban a pana na era Bush que, a súa vez, está interpretado por Sam Rockwell, gañador do Óscar a Mellor Actor de Reparto o ano pasado por Tres anuncios nos arrabaldes; e tamén destaca Jesse Plemons, un actor en alza que, aínda que non aparece moito en escena, é un dos personaxes chave da historia.

 

O vicio do poder aporta unha clase maxistral de como se pode utilizar o sistema en beneficio propio ao tempo que desvela un mundo podre gobernado por xente mediocre e sen escrúpulos que é capaz de facer o que sexa necesario por satisfacer os seus propios intereses chuchando o sangue dunha masa social alienada, dócil e facilmente manipulábel. Non só hai que interpretalo desde o punto de vista norteamericano. O que se narra transcende fronteiras. O fascismo está en pleno auxe no mundo occidental.

 

Filmes coma O vicio do poder son bastante inusuais. Ao tempo que destapa os porqués dun dos maiores monstros das últimas décadas, aporta un gran de arena para crear algo de conciencia de clase... Algo estraño provindo dunha superprodución avalada por produtores como Will Ferrell ou Brad Pitt. Isto fai que xogue directamente nas “grandes ligas” e dálle acceso, case de inmediato, a prestixiosos galardóns coma os Globos de Ouro ou os Óscar. É dicir, fai que sexa un filme desexábel para o gran público pese a unha temática que linda co terrorífico documental The Act of Killing. Pero a diferenza deste, McKay viste os feitos empaquetando todo cun elenco de luxo, un guión sólido, excelente ambientación e, sobre todo, facendo comedia da boa... un método moito máis efectivo que calquera denuncia belixerante e iracunda. Bravo.