DÚAS TRADUCIÓNS RECUPERAN O AUTOR AUSTRÍACO

As vidas en galego de Stefan Zweig

As vidas en galego de Stefan Zweig
O escritor Stefan Zweig. Foto: cedida.
O escritor Stefan Zweig. Foto: cedida.  

A fortuna editorial de Stefan Zweig foi accidentada. Extremadamente popular en vida -nacera en Viena en 1881 e morreu en Brasil en 1942-, a súa obra atravesou despois certa etapa de ostracismo. Volveu emerxer a finais do pasado século. Na actualidade fai parte indiscutíbel do canon da literatura europea. Dúas traducións sitúano na actualidade da literatura galega.
 


Novela de xadrez, en versión de Patricia Buxán e Saleta Fernández, xa se publicara en 2004 na editorial Ir Irindo. Volve ás librarías da man de Irmás Cartoné, coidado selo especializado en traducións. “Zweig logrou a considerable fazaña de crear, coa súa descrición dunha partida de xadrez”, escribiu o poeta inglés Stephen Spender en The New York Review of Books, “unha metáfora do xogo terriblemente sinistro que xoga cos seus torturadores”.

 

Zweig escribiu a obra entre 1938 e 1941, no seu exilio brasileiro -escapaba do III Reich. Publicouse de xeito póstumo en 1944. “É o derradeiro escrito que deu ao prelo”, sinala a nota editorial, “días antes de suicidarse”. Narra a historia dun grupo de pasaxeiros dun trasatlántico que “ao decatarse de que entre eles se atopa o campión mundial de xadrez, decide retalo”.

 

A outra peza do autor que chega, desta volta por vez primeira, ao galego é o seu célebre, portentoso Momentos estelares da humanidade, orixinal de 1927 e agora publicado por Faktoría K. A tradución é de Laureano Araujo, responsábel das versións galegas de clásicos alemáns do XX como Opinións dun pallaso de Heinrich Böll ou A morte en Venecia de Thomas Mann.

 

Catorce acontecementos críticos no percurso humano sobre a terra compoñen a escolla de Stefan Zweig para o seu xenericamente inclasificábel libro. Da caída de Bizancio ao tren que levou Lenin de Suíza á estación Finlandia de Petrogrado (antes Leningrado, tamén San Petersburgo), da conquista do Polo Sur a El Dorado, a habelencia prosística de Zweig acada aquí unha das súas cimas.

 

O home que afirmara “Brasil é o país do futuro” -considerábao a antítese da “tentativa insana de crear persoas racialmente puras”- construíu unha amplísima obra narrativa, que foi posta en imaxes por, entre outros, Max Ophüls. Suicidouse canda a súa dona Lotte Altmann. A escuridade nazista abatíase sobre o futuro.



x