ESTREA 'MELANCOHOLEMIA' NO FESTIVAL DE CANS

A videopoesía perplexa de Antón Reixa

A videopoesía perplexa de Antón Reixa
Antón Reixa. Foto: AELG (Santos Díez).
Antón Reixa. Foto: AELG (Santos Díez).  

De quen é a culpa de que o cadáver saia movido na foto? A que soa un reggaeton sinfónico? É o sampler o mecanismo axeitado para escribir o século XXI? Que contén, a estas alturas, o submarino ruso Kursk, afundido en 2000? A poesía serve tamén á hora de procurar respostas a preguntas difíciles. Sábeo Antón Reixa (Vigo, 1957) e a iso dedica a súa nova proposta, Melancoholemia. Vida de Lonsome Mamarracho – Persoa, que se estreará no Festival de Cans.
 


Poesía escénica, performace, spoken word, videopoesía, Melancoholemia explora terreos híbridos, no cruzamento entre música, dramaturxia e cinema. Neles sucede a historia dun ghicho que, explica o autor a Sermos Galiza, “carece de forma de ser e inicia unha viaxe a partir de topar con outro que lle pregunta: 'Se lle tiramos unha foto a un cadáver e sae movida, de quen é a culpa?”.

O traxecto deste home perplexo e sen atributos lévao a paraxes inhóspitas. A lugares imaxinados pero reais. O Inferno de Dante e o Xardín das Delicias do Bosco. A unha paisaxe de capiteis románicos con falos e xenitais femininos -desaparecidos das igrexas co Concilio de Trento- e ao pecio do Kursk. Reixa relátao nun contexto sonoro e visual que xoga á contradición entre texto e os demais materiais.

Antonio Segade proporciona as imaxes, maiormente roubadas -velaquí o método sámpler- de Internet. O fondo sonoro é a electrónica de Cachopou e algúns loops do Hevi, o de Malandrómeda. A maiores, “haberá un outlet de historias” do propio Reixa. “Cada vez introduzo máis elementos narrativos”, admite, “a posta en escena de Melancoholemia é a dun relator, eu. Logo, hai contraste entre as palabras, as imaxes e as músicas”.

O poeta publicou en 2018 Michigan / Acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma (Xerais) despois dun grave e traumático accidente de automóbil. Experiencias anteriores no movedizo mundo da videopoesía ocorreran en museos e centros de artes. “É a primeira vez que o levo aos escenarios”, explica, “e non sei que farei, se o convertirei en texto autónomo máis pechado, ou a forma teatral. Teño que reflexionar”. Estamos en guerra.

Polo momento, o 25 de maio Melancoholemia debutará no espazo Invernadoiro do Festival de Cans (O Porriño). En xuño estará na oitava edición de Vociferio, festival de poesía oral e escénica de Valencia. Reixa xa non parará: Os Resentidos teñen varios concertos apalabrados para o verán.