CASE UN CENTO DE BANDAS NO RESURRECTION FEST DO 3 AO 6 DE XULLO

Viveiro, reino europeo das músicas extremas

Viveiro, reino europeo das músicas extremas
A banda estadounidense de 'nu metal' Slipknot nun concerto en australia en 2012. Foto: Wikipedia.
A banda estadounidense de 'nu metal' Slipknot nun concerto en australia en 2012. Foto: Wikipedia.  

Catro xornadas de sons extremos, metálicos, acelerados ou ralentizados pero duros, salvaxes, escuros. Algo así ofrece o Resurrection Fest de Viveiro, que comeza esta cuarta feira e remata o sábado 6 de xullo despois de que case un cento de bandas pasen polos seus catro escenarios. Entre elas, algunhas míticas -Slayer, Testament-, outras de culto -Converge, The Adicts- e con presenza galega -Moura, Lóstregos, Cró!, Archivo Adxunto.


O Resurrection Fest, cuxa historia se remonta a 2006, é xa unha das principais citas europeas no que a rock no límite se refire. A programación, de base metálica, ábrese ao punk, ao hardcore, ao post rock ou ao progresivo. Mais conta con catro ou cinco indiscutíbeis cabezas de cartel.RF19-Tabla_horarios-v4

Logo do inicio deste 3 de xullo a partir das cinco da tarde con bandas como Bury Tomorrow, Municipal Waste ou Ignite, será a quinta feira a que acolla o primeiro dos concertos estrela: o dos estadounidenses Slayer, pioneiros do subxénero trash, versión rapidísima e influenciada polo hardcore do heavy.

O nu metal de Slipknot, celebrada banda dos 90, protagonizará a noite da sexta feira, 5 de xullo. Na ampla oferta desa noite haberá tamén tempo para o metal sinfónico ou black metal melódico -as etiquetas non son doadas de delimitar no mundo metálico- dos ingleses Cradle of Filth ou para Converge, estadounidenses, que alguén cualificou de mathcore -hardcore matemático.

O sábado 6 de xullo será a quenda doutros veteranos trash: os californianos Testament. King Diamond, danés e ex integrante de Mercyful Fate, ou Lamb of God, tamén estadounidenses e practicantes de metal core, son outros nomes salientábeis dunha última xornada en que pasarán 29 bandas polas táboas.

E é que entre os 92 grupos que participan no Resurrection Fest hai oferta de todo tipo. Dos vascos Berri Txarrak (sábado, 6 de xullo) aos galegos Cró! (quinta feira, 4 de xullo) aos portugueses Serrabulho (sexta feira, 5 de xullo) ou os españois Toundra (quinta feira, 4 de xullo).

Nota: táboa cos horarios do Resurrection Fest 2019.