Voces de poetas para María do Carme Kruckenberg na Feira do Libro de Vigo

Voces de poetas para María do Carme Kruckenberg na Feira do Libro de Vigo

Arredor de quince poetas de Vigo homenaxearán esta terza feira na Feira do Libro a Mª do Carme Kruckenberg. A súa biógrafa, Mercedes Queixas Zas, coordinará o acto. 


Voces da poesía danse cita na Feira do Libro de Vigo esta terza feira para homenaxear á escritora recentemente finada. María do Carme Kruckenberg residiu boa parte da súa vida en Vigo e é nesta cidade onde se lle están a tributar algunhas das primeiras homenaxes. A desta terza feira está promovida pola editorial Galaxia e coordinada por Mercedes Queixas Zas, autora da biografía da escritor,  Vivir, unha aventura irrepetíbel (Galaxia)

Poetas de distintas xeracións participarán neste encontro que se desenvolverá a terza feira ás 20.30 horas. Antón Reixa, Marilar Aleixandre, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marta Dacosta, Francisco Álvarez Koki, Lucía Novas, Eladio Medel, Neves Soutelo, Jose Manuel Ledo Santiso, Anxeles Pena, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Silvia Bardelás, Francisco Castro e a propia Mercedes Queixas Zas confirmaron a súa asistencia a unha das primeiras homenaxes á autora que foi lembrada xa na libraría Lila de Lilith de Santiago e tamén a pasada semana en Vigo, o Proyecto Ewa inaugurou o grande mural cun retrato da escritora na rúa Roupeiro. A obra, creación do artista hiperrealista Puhinger, foi inaugurada cun acto no que recitaron as poetas Elvira Ribeiro, Silvia Penas, Neves Soutelo, Tiziana Cerabino e Patricia Sánchez, acompañadas pola celista Susana Blanco.