XV EDICIÓN

Volta o Cantos na Maré con máis de 20 concertos por toda Pontevedra

Volta o Cantos na Maré con máis de 20 concertos por toda Pontevedra
Apresentación en Pontevedra da XV edición do Cantos na Maré
Apresentación en Pontevedra da XV edición do Cantos na Maré  
Máis de vinte concertos de artistas de oito países distintos e ducias de actividades por descubrir compoñen a programación da XV edición do Cantos na Maré. O festival celebrarase en múltiples espazos da cidade de Pontevedra. Mayra Andrade e Enredadas, Clara Peya e Maria João, Bia Ferreira, Vivi Pozzebón, Brasil Dub, Napalma, Assa Matusse, Laura Lamontagne, DJ Mil e Mohammed Yahya, o Coro da Marinha, As Cantigas de Elena e Zeltia Irevire, son algunhas das artistas que actuarán.

O Cantos na Maré retorna á cidade do Lérez facendo xa 15 edicións deste grande festival que decorrerá os días 13, 14 e 15 de setembro con máis de vinte concertos con artistas de até oito países e unha ducia de actividades, que terán lugar no Pazo da Cultura, o Teatro Principal, a Praza da Pedreira, o Museo de Pontevedra, a Libraría Paz e outros espazos da cidade. 

Os dous grandes concertos que se realizarán nas instalacións do Pazo da Cultura serán protagonizados pola artista caboverdiana Mayra Andrade, sábado 14, abandeirada do pop tropical, e as encargadas de pechar o festival domingo 15 serán Enredadas, o proxecto que xunta o jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira ao que se unirán outras voces da Lusofonía. 

O Teatro Principal acollerá o domingo dúas interesantes propostas ligadas ao jazz: Maria João, desde Portugal, grande cantora de jazz portuguesa, coñecida pola súa flexibilidade vogal e a súa capacidade de improvisación; e a catalana Clara Peya, pianista e compositora, considerada unha das creadoras máis orixinais e únicas que apareceron nos últimos tempos na escena peninsular e cuxa obra bascula entre a música de cámara, o jazz, o pop e a electrónica, mantendo sempre como centro de gravidade o piano.

A zona vella de Pontevedra será outro dos espazos do festival e onde se poderá gozar das propostas máis arriscadas e urbanas

A zona vella de Pontevedra será outro dos espazos do festival e onde se poderá gozar das propostas máis arriscadas e urbanas dirixidas a un público máis novo: desde Brasil Bia Ferreira, Brasil Dub e NaPalma. Mohammed Yahya e Assa Matusse desde Mozambique. E desde a Galiza Laura Lamontagne, As Cantigas de Elena, Cantos de Taberna, Zeltia Irevire, Coro da Marinha, Do Fondo da Barra e DJ Mil.

No Museo de Pontevedra haberá actividades de balde para todos os públicos: narración oral con Vero Rilo e Faia Díaz; un concerto familiar con Magín Blanco, que apresenta Camiños; roteiro pola colección do Museo e concerto posterior ao piano con Brais González; performance “Melancoholemia” de Antón Reixa; e dous filmes do ciclo “Cinemaré”. 

Ademais tamén haberá un obradoiro de "Música na Prehistoria” para nenas e nenos a cargo de Arbore, no que as crianzas realizarán unha zoadeira ou bramadera, axóuxeres ou facer soar elementos naturais que no seu día foron usados para emitir sons.

Na pontevedresa Libraría Paz apresentaranse dúas novidades literarias relacionadas coa música: sexta feira 13 Sindo de Olelas, coa presenza do seu autor, Xurxo Souto; e o sábado 14 Guadi Galego, pola beira da canción, coa presenza do autor, Pepe Cunha, canda a cantora Guadi e os xornalistas Teresa Cuíñas e Carlos Crespo.

Xurxo Souto protagonizará un ano máis un singular roteiro musical pola cidade que converxerá nunha encrucillada de acordeóns e nun cruce de sons que nos levará a varios países do mundo.

As entradas para os concertos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal xa están á venda desde o 30 de agosto en Eventbrite/Ticketea, ademais dos abonos para todo o festiva.

As entradas para os concertos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal xa están á venda

“Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión da Galiza coa Lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación”, anunciaron desde o festival. Así, queren “atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos”. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como o cinema, a performance, os roteiros culturais ou a narración oral.

O Cantos na Maré está producido por Nordesía e apoiado pola Xunta de Galicia, a través da marca FEST Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello de Pontevedra e o Pazo da Cultura, coa colaboración do Museo de Pontevedra, a Libraría Paz, Maravallada e a Rede da Galilusofonía.

A programación foi apresentada esta mañá a cargo de Vítor Belho, director de Nordesía; Uxía, directora artística do festival; Carme da Silva, concelleira de Festas; José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo. Ao comezo e ao remate a cantora Laura LaMontagne interpretou un par de temas.