DE SETEMBRO A OUTUBRO

Volve o festival Espazos Sonoros apostando na música clásica e antiga na Galiza

Volve o festival Espazos Sonoros apostando na música clásica e antiga na Galiza
Cartel do festival Espazos Sonoros
Cartel do festival Espazos Sonoros  
O Museo das Peregrinacións de Compostela acolleu a apresentación da XII edición do festival Espazos Sonoros cuxa programación comezará o 1 de setembro e estenderase ao longo das fins de semana até o 6 de outubro. O evento aposta de novo pola difusión da música clásica e antiga en conexión con outras influencias.

O festival Espazo Sonoros arrincará o 1 de setembro avogando de novo pola difusión da música clásica e antiga en conexión con outras músicas e apostando tamén pola valorización e divulgación de múltiples aspectos do patrimonio histórico galego.

Esta segunda feira 22 de xullo foi apresentada a programación do festival no Museo das Peregrinacións de Compostela, e no acto participaron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo e a directora artística do festival, Belén Bermejo. A música correu a cargo do guitarrista Mateo Arnáiz. A programación do festival estenderase desde o 1 de setembro, ao longo das fins de semana, até o 6 de outubro.

Un total de sete concertos compoñen a programación e desenvolveranse en espazos de interese cultural ao longo da xeografía galega

Espazos Sonoros comezou a súa andaina en 2008 e achega actuacións musicais e actividades de lecer arredor dos elementos do patrimonio. O festival “fíxose xa un nome entre os festivais de referencia do panorama musical galego”, sinalaron na apresentación. A programación deste ano quere afondar nos sinais de identidade do festival, procurando a creación de espazos para o goce da música e o fomento dun lecer sostíbel en convivio co medio natural e os elementos do patrimonio histórico.

Un total de sete concertos compoñen a programación e desenvolveranse en espazos de interese cultural ao longo da xeografía galega. Coma nas anteriores edicións, trátase dunha programación que mestura músicas de diferentes estilos e tendencias, desde a música antiga, até a música de cámara e propostas que procuran estabelecer nexos entre estilos musicais diversos.

A organización do evento puxo en valor un programa caracterizado pola calidade das e dos intérpretes e a variedade de estilos

A organización do evento puxo en valor un programa caracterizado pola calidade das e dos intérpretes e a variedade de estilos, “sempre en conexión cos espazos escollidos e que apresenta algunhas das mellores propostas musicais galegas, canda formacións convidadas de relevo internacional”.

A primeira das actuacións que terá lugar o 1 de setembro na igrexa de Santa Liberata de Baiona, será a cargo do conxunto vocal feminino Cantaderas. O seu repertorio estará centrado na música tradicional da península Ibérica. Catro mulleres forman o grupo e contan cunha ampla formación e experiencia na interpretación de música medieval.

A Capella de Ministrers, dirixido polo valenciano Carles Magraner clausurará o festival na igrexa de Santa María de Penamaior, en Becerreá, cun programa que recrea as músicas e a literatura arredor do mito do Santo Graal.

O pazo do Faramello acollerá unha actuación a cargo da prometedora pianista galega Rosalía Gómez Lasheras. O concerto será interpretado nun fortepiano orixinal restaurado, de 1805, propiedade da pianista.

O guitarrista Mateo Arnáiz, presente na rolda de prensa en que se deu a coñecer o programa, o dúo de violín e acordeón Fracanapa, a formación barroca L’Unisoni e o organista Michael Schöch completan a programación.

A maiores, haberá actividades arredor do patrimonio histórico para afondar no coñecemento dos tesouros presentes na contorna dos diferentes espazos en que se celebran os concertos. Roteiros polos elementos do patrimonio e pola contorna natural, conversas con expertos e visitas contextualizadoras son as actividades que complementan a programación.

A escolla dos espazos onde se realizarán as actuacións musicais pretende facer un achegamento a elementos, en moitos casos, moi descoñecidos do patrimonio: Santa María de Penamaior, Santo Estevo de Chouzán, San Miguel de Lebosende, os espazos da Fundación Fernando Blanco de Cee, a catedral de Tui, Santa Cristina de Ribas de Sil, o Mosteiro de Tibães ou o pazo de Faramello, son algunhas das ubicacións escollidas.

Por último, a programación tamén inclúe un obradoiro de achegamento á música antiga, que acada a súa novena edición. Desta volta está dedicado á voz como instrumento, nun obradoiro interactivo no que o público tamén poderá participar e no que, ao tempo, poderá escoitar música interpretada ao vivo por algúns dos máis consagradas e consagrados intérpretes galegos dentro do ámbito.

Os concertos son de balde e a entrada libre, até completar a capacidade

Para coñecer os grandes órganos galegos e as relacións que existiron no pasado entre a Galiza e o Norte de Portugal no ámbito da organería, irase até Viana do Castelo e o mosteiro de Tibães, e rematarase o roteiro na Catedral de Tui cun concerto do organista austríaco Michael Schöch.

Os concertos son de balde e a entrada libre, até completar a capacidade, excepto no pazo do Faramello, que ten prazas limitadas. Para participar nas actividades paralelas, é imprescindíbel inscribirse en [email protected] nas datas estabelecidas.