VI POEMAGOSTO DO 11 AO 13 DE OUTUBRO

Volve o outono poético de Allariz

Volve o outono poético de Allariz
A poeta catalá Dolors Miquel, que participará no VI Poemagoasto de Allariz. Foto: Poemagosto.
A poeta catalá Dolors Miquel, que participará no VI Poemagoasto de Allariz. Foto: Poemagosto.  
Poetas, teatreiras e músicos invadirán as rúas e tabernas de Allariz na fin de semana que vai do 11 ao 13 de outubro. É a sexta edición do Poemagosto. Festival Internacional de Poesía, organizado pola Fundación Vicente Risco e mais o concello da localidade.

O intenso programa de actos comeza a sexta feira 11 de outubro. Nesa primeira xornada todo sucederá no Café Bar Farruco. E todo será ás sete do serán unha lectura das poetas Rosa Silverio, dominicana, e Raúl de Tapia, español de Salamanca. A seguir, Duende Circo ofrecerá o seu Pallaso Total, espectáculo de malabares, clown, humor, maxia e música. Xa na noite, ás once e media, a festa de inauguración: o poeta lugués Lois Pérez, autor do popular libro Long Play (2017), e mais La Sincereza Pinchacumbias.

poemagosto logoO sábado, 12 de outubro, será o día principal do Poemagosto. Das once e media da mañá ás doce da noite, sucederanse actividades de todo tipo no patio do Museo do Coiro. Todas de balde, agás o concerto de Habelas Hainas das dez e media (cinco euros a entrada, 10 con camisola).

Un roteiro poético botánico conducido por De Tapia polo Festival Internacional de Xardíns abre a xornada. Uvastruces e Larenxetas, de Lidia Nokonoko, diríxese ás máis pequenas e pequenos. Será ás doce. Unha hora despois, Proxecto Batefogo presenta Árbores que non arden, “libro colectivo sobre a prevención de incendios e a xestión do monte e do territorio”. Ás unha e media, poesía trinacional: o portugués Rui Spranger, a catalá Dolors Miquel, e a galega María Lado.

Logo do xantar, ás cinco, Antonio Fernández Seoane moderará unha mesa sobre poesía e filosofía en que participarán os profesores Claudio Rodríguez Fer e Mercedes Gómez Blesa. Unha sesión de micro aberto dará paso á performance Traficante de Palavras, da caboverdiana Vera Curz. As pandeireteiras Xúa precederán o gran recital das sete da tarde: Lucía Aldao, Lois Pérez, Mercedes Gómez Blesa, Rui Spranger, María Lado, Vera Cruz, Rosa Silverio, Raúl de Tapia, Montserrat Villar e Dolors Miquel. Despois de Habelas Hainas, Brigada Sound e Sapoconcho Sem Poncho porán o ramo ao sábado.

O domingo 13 de outubro será o último deste VI Poemagosto. Será unha xornada unicamente matutina entre as prazas de Arriba e de Abaixo que comezará ás once e media da mañá co Concurso de Poesía Recitada, seguirá cunha contada de Uxía Morán para audiencia infantil, logo un recital de Montserrat Villar e María Lado e rematará cun concerto de pop indie a cargo de Atrás Tigre, xa á unha e media.