40 ANIVERSARIO

Volve Pardiñas ‘cantando as corenta’

Volve Pardiñas ‘cantando as corenta’
Presentación do Festival de Pardiñas 2019
Presentación do Festival de Pardiñas 2019  

O festival de Pardiñas celebrará os seus 40 agostos ininterrumpidos co espectáculo único Cantando as corenta, creado en exclusiva para esta edición. Serán tres horas de música e baile que resumirán os fitos máis destacados da historia de Pardiñas marcando tamén a súa vontade de futuro. O festival celébrase no concello de Guitiriz durante os días 2, 3 e 4 de agosto.


O festival de Pardiñas fai corenta anos, un “fito extraordinario na música galega”, tal e como sinalaron desde a Asociación Cultural Xermolos, organizadora do evento. Para celebrar os 40 agostos ininterrumpidos de Pardiñas o cartel inclúe un espectáculo que, baixo o título Cantando as corenta, transportará o publico por unha viaxe ao longo de todas as súas edicións.

“Ao mesmo tempo será tamén un sonoro manifesto de futuro”, afirmou o artista Xurxo Souto, participante na rolda de prensa de apresentación do Festival. Souto, en declaracións a Sermos Galiza sinalou a relevancia de Cantando as Corenta pois “non se trata dunha acumulación de artistas, senón dun espectáculo en si mesmo, unha creación especial para o propio event", e engadiu que se trata de "algo que nunca se fixo, é o mito de Tristán e Isolda levado a Pardiñas”.

Cantando as Corenta “non se trata dunha acumulación de artistas, senón dun espectáculo en si mesmo, unha creación especial para o propio evento, algo que nunca se fixo”, sinalou Souto

O festival decorrerá na localidade de Guitiriz durante os días 2, 3 e 4 de agosto. Na rolda de prensa en que se deron coñecer os grupos que actuarán estiveron presentes membros da Asociación Cultural Xermolos, Alfonso Blanco, o crego de Xermolos; Juan e Luís dos Carunchos, Susana Seivane, Antón Reixa, Xurxo Souto e o director musical de Cantando as Corenta, Richi Casás.

Cartel PardiñasO Festival arrincará a sexta feira 2 de agosto co VII certame de cantos de taberna nos bares de Guitiriz. O sábado 3 será a quenda para o pregón a cargo de Luís Mourinho e das actuacións de As Cantigas de Elena, Bloquinho de Xermolos, Os Melidaos, Harmónica Creamns, desde o Xapón; Habelas Hainas, Dubhlinn desde Irlanda con Anxo Lorenzo, e Zënzar.

O domingo actuarán Os Rueirinhos nun vermú e Peter Punk para as crianzas e realizarase un pregón musical a cargo das e dos cantautores María Manuela, Pilocha, Miro Casabella, Quintas Canella e Mero. Actuarán tamén Os Carunchos e TT Syndicatte de Portugal.

O domingo é tamén o día de Cantando as Corenta co Pardiñazo.

Cantando as Corenta

A banda de Cantando as Corenta compóñena once instrumentistas de diferentes grupos que algunha vez teñen actuado en Pardiñas e estarán tamén moitas e moitos solistas de diversos estilos que deixaron especial pegada no Festival. Así, este espectáculo contará con Susana Seivane, Antón Reixa, Uxía, o gaiteiro Pepe Vaamonde, Kevin Weatherill (líder de Immaculate Fools) ou Xosé Manuel Pereiro (vocalista de Radio Océano), entre outros.

A maior parte dos seus once compañeiros e compañeiras procede tamén “da fecunda canteira de músicas que algunha vez actuaron en Pardiñas”, sinalaron desde Xermolos.

A maior parte da banda procede “da fecunda canteira de músicas que algunha vez actuaron en Pardiñas”, sinalaron desde Xermolos

Algúns e algunhas delas son Xan Xove, gaita e percusión tradicional que actuou en Pardiñas co Jarbanzo Negro; a trompetista María Prado de Banda Xangai, o batería Álvaro Trillo de Dios ke te Crew, Olivier Cano, saxo e frauta dos Tres Trebóns; Antón Díaz, o baixo dos Papaqueixos; o seu guitarra e coros Guni Varela e o seu baixista Mangüi Martín; e Xurxo Souto dos Diplomáticos de Monte-Alto.

Alén da canteira que despuntou actuando nos escenarios de Pardiñas en calquera das súas edicións, a banda está ademais reforzada “con tres músicos en clave de excelencia”, remarcaron na apresentación, e serán Mercè Palacios no saxofón, Roberto Comesaña no acordeón e Xosé Luis Miranda ao trombón.

Haberá ademais un recoñecemento especial a Sito Carracedo, o luthier das portas abertas, que cada ano acolle centos de persoas no seu taller. Na súa honra soará unha obra “estrea absoluta” dedicada ao seu invento máis famoso, “o peitoque”, un pequeno instrumento de percusión “quen de erguer a maior das treboadas”.

O primeiro Pardiñas

Desde a organización lembraron aquel primeiro festival que, baixo o lema Vinde merendar a Pardiñas, Xermolos convocou un evento que medrou cada ano partillando emocións.