Xa está na rúa o quinto disco de Ialma, ‘Camiño’

Xa está na rúa o quinto disco de Ialma, ‘Camiño’
Ialma
Ialma  

O grupo de pandereteiras galego-belgas están en plena xira de presentación do seu novo disco, e poderemos escoitalas en Galiza a partir de febreiro


Xa está na rúa o quinto álbum do grupo de pandereteiras galego-belgas Ialma, titulado ‘Camiño’. Case vinte anos despois de comezaren a xuntarse para cantar e logo dun parón de cinco anos desde o seu último álbum (‘Simbiose’, 2011), Ialma regresa cun novo traballo no que contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe aos galegos e galegas que se atopan emigrados. 

‘Camiño’, que leva como subtítulo ‘De Bruxelas a Santiago’, é un canto á historia da emigración dos seus pais enlazada coa historia da súa propia emigración, que segue a evolucionar “porque un camiño nunca se para”, din. “É un camiño de loita, cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos a través das nosas cantigas”.

Ialma regresa cun novo traballo no que contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe aos galegos e galegas que se atopan emigrados. 

O traballo inclúe 13 temas, algúns tradicionais e outros de feitura ‘trad’ con letras contemporáneas, de autor, compostas por Brais Fernández, construíndo un repertorio de cantos nos que encontramos a pegada das súas raíces galegas, mais adaptadas á súa nova realidade: a das mulleres de hoxe en contacto con diferentes culturas, linguas e estéticas. Amais, o álbum tamén comprende letras reivindicativas e de compromiso social, como o é un tema dedicado ás persoas refuxiadas porque, tal e como indica Marisol Palomo, a historia destas persoas “é a mesma que a historia dos nosos pais e avós”. Unha historia cíclica, que se repite e que debemos lembrar, “a miña avoa veu cunha maleta metida no tren con tres fillos. É exactamente a mesma imaxe que vemos hoxe. Esa é a historia das catro de Ialma. Uns viñeron como mineiros, outros fuxiron da Guerra, outros foron fusilados, é como unha homenaxe á nosa historia e chamando a intentar cambiar o futuro”. 

Alén diso, con este disco Ialma pretende tamén lanzar un canto á diversidade cultural, pois durante a elaboración deste traballo “descubrimos novas culturas musicais”, “o que nos permitiu enriquecernos e coñecernos mellor”, afirman, definindo así a evolución que fixo o grupo durante os últimos anos. 

A posta en escena nos concertos inclúe, entre tema e tema, unha narración de diferentes historias a cargo de Marisol Palomo, encargada de transmitir ao público as historias das súas familias a través dun diálogo entre nena e avoa.

Como distintivo, a posta en escena nos concertos inclúe, entre tema e tema, unha narración de diferentes historias a cargo de Marisol Palomo, encargada de transmitir ao público as historias das súas familias a través dun diálogo entre nena e avoa.

O grupo Ialma está composto por Verónica Codesal, Magali Menéndez, Natalia Codesal e Marisol Palomo. Nos directos contan tamén con Didier Laloy ao acordeón diatónico e Quentin Dujardin na guitarra e dirección artística, que tamén é o responsable da produción e dos arranxos do disco.

‘Camiño’ é o seu quinto disco logo de ‘Simbiose’ (2011), ‘Nova era’ (2006), ‘Marmuladas’ (2002) e ‘Palabras darei (2000). Nestes case 20 anos de actividade teñen colaborado con Mercedes Peón, Kepa Junkera, Carlos Núñez ou Eliseo Parra, entre moitos outros. 

As Ialma xa arrancaron a súa xira por Europa, con concertos en Bélxica, Austria e Francia, e a partir de febreiro poderemos velas en Galiza: o 24 de febreiro en Padrón (Casa de Rosalía), o 25 en Compostela (Riquela), o 26 na Sala Garufa (A Coruña) e o 27 no Clavi de Lugo. 



x