Xa hai trailer de ‘O que arde’, dous minutos de imaxes para abrir boca cara á chegada do filme ás salas

Xa hai trailer de ‘O que arde’, dous minutos de imaxes para abrir boca cara á chegada do filme ás salas
Unha das imaxes do filme 'O que arde'
Unha das imaxes do filme 'O que arde'  

O 11 de outubro será a estrea comercial do traballo de Oliver Laxe, da man de Numax Distribución.Vídeo no interior


O 11 de outubro será a estrea comercial de ‘O que arde’, a última obra de Oliver Laxe. Mais antes haberá varias preestreas, a primeira anunciada no festival compostelán Curtocircuíto o 1 de outubro, terza feira. A esta première asistirán o propio Laxe e os actores principais, Benedicta Sánchez e Amador Arias.

Para abrir boca, vén de publicarse o trailer de ‘O que arde’, case 2 minutos de imaxes deste filme rodado nos Ancares, protagonizada en galego por actrices non profesionais, e que conta a historia dun pirómano que sae de prisión e reencóntrase coa súa nai. No último Festival de Cannes levou un dos premios gordos: o do Xurado da sección oficial Un Certain Regard.

O propio autor de O que arde expresara nunha entrevista con Sermos Galiza a súa intención de realizar polo menos unha das preestreas galegas en Navia de Suarna, onde se atopan as súas raíces familiares e un dos escenarios da rodaxe. Porén, nas vindeiras semanas haberá outras oportunidades de ver a película. Iso si, haberá que viaxar, xa que os pases serán no Festival de Donostia (Euskal Herria, do 20 ao 28 de setembro e no de Nova York (Estados Unidos, do 27 de setembro ao 13 de outubro).