Xabier Cid gaña o XXI Certame de Poesía do Concello de Carral

Xabier Cid gaña o XXI Certame de Poesía do Concello de Carral
Xabier Cid
Xabier Cid  

Faino cun poemario intitulado "As bicis", a obra premiada polo xuri de entre os 38 textos que concorreron ao certame.


O xuri estivo composto por Mercedes Queixas, Verónica Martínez e Xosé Luís Mosquera, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela. Oficiou de secretario o técnico municipal de Cultura e coordenador do certame, Carlos Lorenzo Pérez. 

A calidade meia das obras apresentadas foi boa, segundo a avaliación dun xuri que valorizou a diversidade das propostas poéticas, quer no plano formal quer no temático. Sobre o poemario gañador, o xuri destaca o seu carácter "experimental" e "alternativo" e a súa aposta nun "proxecto poético" construído "desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista e innovador na disposición dos versos".

Xabier Cid é licenciado en filoloxía e actualmente traballa na produción de contidos para a rede. Mora en Escocia. Xa en 2000 fora finalista do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey co volume Terá as túas balas (Sotelo Blanco). Ten traducido para o galego a Craig Patterson e George Tucker.

Este premio, cuxo acto de entrega terá lugar o próximo 25 de maio, está dotado con 2.500 euros e coa publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.  


 



x