Xabier Díaz e Fernando Barroso participan nun laboratorio musical con artistas doutros países

Xabier Díaz e Fernando Barroso participan nun laboratorio musical con artistas doutros países
Fernando Barroso e Xabier Díaz
Fernando Barroso e Xabier Díaz  

Galiza participa no programa NeXo canda o British Council, Creative Scotland e o Wales Arts, ademais de Arxentina e Uruguai, para impulsar as linguaxes musicais de raíz folc europea e latinoamericana. Os dous artistas galegos seleccionados para participar son Xabier Díaz e Fernando Barroso. 


O programa reunirá nove músicos dos cinco territorios nunha residencia artística que se desenvolverá en Bos Aires e culminará con dous espectáculos en Gales e en Escocia, este último no marco do festival Celtic Connections.

A AGADIC forma parte do programa NeXo, impulsado polo British Council e Wales Arts International como laboratorio de creación musical colectiva para a interacción cultural entre Europa e América a través da posta en común de tradicións e linguaxes musicais de Galicia, Gales, Escocia, Arxentina e Uruguai. 

A participación artística en NeXo está representada por nove músicos destes territorios, que traballarán xuntos na busca da conexión entre as músicas europeas de raíz atlántica e a música latinoamericana. Farano durante unha experiencia de convivencia creativa, que comezará esta fin de semana en Bos Aires (Arxentina), coa finalidade de inspirar novos camiños para o desenvolvemento, a visibilidade e a promoción das identidades das músicas dos dous continentes.

Espectáculo posterior en Glasgow e Cardiff

O programa de NeXo está deseñado como un encontro e residencia artística que se desenvolverá en Bos Aires entre os próximos 28 de novembro ao 1 de decembro. Durante estes catro días, nove músicos dos cinco países crearán un repertorio que dialogará coas diversas linguaxes musicais que conforman a identidade de cada territorio. O resultado deste traballo presentarase nun espectáculo o día 21 de xaneiro no marco do célebre festival Celtic Connections, que se celebrará en Glasgow (Escocia), e o día 23 na cidade de Cardiff (Gales). 

Respecto dos músicos, Galicia está representada por Fernando Barroso (Os Cempés, Assembly Point) e Xabier Díaz (Berrogüetto, aCadaCanto...). Os músicos dos demais territorios son tamén destacados representantes da música tradicional e de fusión nos seus respectivos contornos culturais. Desde Arxentina participan Fabián Martin e María Elía; por Escocia Finlay MacDonald  e Megan Henderson; desde Uruguai Fabián Miodownik  e representando a Gales, Jordan Williams e Gwilym Rhys.