Xacio Baño leva o cine galego ao festival de Locarno

Xacio Baño leva o cine galego ao festival de Locarno
.
.  

A curta galega “Ser e voltar” de Xacio Baño entra en concurso no prestixioso Festival de Cinema de Locarno, A obra entrou no palmarés do Festival de Cans. O director volve na súa curta á aldea de Rebordelos a explicarlle aos avós o oficio ao que se dedica.


A curtametraxe de non ficción de Xacio Baño “Ser e voltar” foi seleccionada para participar na sección de concurso do Festival de Locarno na súa 67 edición. O cineasta volve no seu novo filme á aldea de Rebordelos a explicarlle aos avós o oficio ao que se dedica. O que está xa considerado como un dos nomes claves do novo cinema galego consigue participar no prestixioso festival cunha intensa curtametraxe na que desenvolve un encontro entre os seus dous mundos, o do audiovisual no que se move e o da aldea na que procede. “Ser e voltar” é  a nova obra de Baño despois da galardoada “Anacos”. 

O filme proxectarase no marco da sección Pardo di Domani a vindeira quinta feira día 14. O feito xa de ter sido seleccionada para entrar na sección de concurso do festival é xa un inmenso logro para a cita dado o recoñecemento que ten Locarno. 

A presenza dun cineasta galego en Locarno é unha noticia singular. Con anterioridade, Lois Patiño fora galardoado na 66 edición do festival que se celebra na localidade suíza co premio ao mellor director emerxente na sección “Cineasti del Presente” polo documentario Costa da morte.