Xaneco Tubío: “A música tradicional ten que estar en todas as festas e romarías”

Xaneco Tubío: “A música tradicional ten que estar en todas as festas e romarías”
© Vicente Ansola
© Vicente Ansola  

A Asociación de Gaiteiros Galegos cumpre 25 anos de historia con máis de 800 socios e socias e un amplo abano de actividades e reivindicacións arredor da música tradicional galega. O seu secretario, Xaneco Tubío, relátanos os principais fitos desde a súa constitución formal en 1989 até a actualidade na que máis de vinte mil persoas -en especial mocidade- asiste a aulas dalgunha das disciplinas da música tradicional. Reclama unha maior visibilidade e apoio institucional e a presenza en canta festa e romaría se celebra no país, xa que isto é o seu verdadeiro sentido. 


- Como é o balance de vintecinco anos da Asociación de Gaiteiros Galegos?

Ao noso ver, somos unha asociación necesaria. Os inicios foron nos anos setenta, no fin da ditadura, cando se xuntaron gaiteiros vellos e novos, artesáns e xente que se dedicaba á música tradicional e tiñan como obxectivo a dignificación da gaita e o cambio na consideración do gaiteiro, entón moi desprestixiado. Naquel momento vivíase unha ridiculización da cultura galega, e da figura do gaiteiro en concreto que noutros tempos da nosa historia fora máis respectado como forma de expresión cultural propia. Eses foron os alicerces que levaron a que no ano 1989 se fixese unha asemblea constituínte en Santiago. Os seus principios fundamentais contemplan a busca dun espazo na sociedade do século XXI para a música tradicional. Neste tempo de globalización, a agresión ao propio, á nosa cultura, é aínda maior e por iso é necesario unha asociación como a nosa que defenda o futuro da música tradicional composta polos que traballamos e contribuímos a que siga viva. 

"Os seus principios fundamentais contemplan a busca dun espazo na sociedade do século XXI para a música tradicional".

-Son máis de 800 asociados e asociadas, sabe canta xente se dedica á música tradicional neste momento?

Eses 800 son socios individuais mais danse casos nos que unha banda ou unha asociación só teñen unha persoa asociada mais son moitos máis. A cifra de persoas vinculadas á asociación sería moito maior. Cantas persoas se dedican á música tradicional? Na época do bipartito colaboraramos nun estudo sobre o número de persoas que se dedican a ensinar e aprender algunha das disciplinas da música tradicional e os resultados eran sorprendentes. Arredor de 24.000 alumnos estaban preparándose nalgunha das disciplinas e sobre 600 persoas vivían de dar clase e había como 900 centros onde se impartía algunha aula de música tradicional. Está presente en case todo o país. Ademais, o que nos diferencia do resto das culturas actuais é que a maior parte das persoas que se achegan á nosa música tradicional é xente nova, mozos e mozas. Con estas cifras, é lamentábel que a visibilización nos medios de comunicación sexa anecdótica e quede reducida a un papel folclorizante. 

-Nestes 25 anos, que demandas foron entón as que se defenderon como obxectivos prioritarios?

Pasamos por varias etapas, a primeira de construción, de posta en común da problemática da época que, como dicía, consistía en loitar pola dignificación da figura do gaiteiro. Eu lémbrolle reclamar a Ricardo Portela que os nomes dos gaiteiros fosen, nos carteis das festas, do mesmo tamaño que os das orquestras. Iso xa se conseguiu mais continúa a haber eivas e unha débeda de recoñecemento coa nosa música tradicional. Despois veu un momento, coa creación da Real Banda de Ourense, na época de Fraga, na que a Asociación de Gaiteiros tivo que dar o debate na sociedade e non só fomos nós, senón moitas máis asociacións de ámbito local que se implicaron e deron a batalla para criticar que se gastaran os cartos públicos desa maneira. Déronse centos de millóns de pesetas para promover formacións alleas á tradición, cando o noventa por cento do que hai hoxe en día na música tradicional se logrou de forma altruísta, con persoas que puxeron en contacto aos vellos gaiteiros cos que eramos novos daquela para que non morrera a nosa cultura popular. Esa foi un dos valores máis relevantes e o que explica a fortaleza da nosa música, ese compromiso altruísta que naceu da propia xente. 

-Que consecuencias tivo aquel debate e o impulso institucional das formacións de gaitas alleas?

Hoxendía todo o mundo sabe que esa formación non é galega. O que vemos positivo de todo aquel proceso é que se clarificou a situación. Na cultura do noso país hai moitas eivas, non no traballo de base senón na utilización que fai del a administración. Galiza, que é o país das gaitas, carece dun museo ou un centro de investigación que a trate de maneira científica, que fale do que fomos, na música tradicional e noutros ámbitos da cultura. Asturias ten un museo da gaita que aquí non hai ningunha administración que se ocupe dela, por non falar da Universidade ou a Consellaría de Educación, na que temos presentado distintos proxectos para a elaboración de unidades didácticas sen atopar ningunha receptividade. O primeiro contacto que os nenos debían ter coa música tiña que ser a través da tradición e vemos como en educación infantil se achegan a través doutras músicas. Déronse avances, hoxe podes estudar gaita no conservatorio mais o papel que está a desenvolver a Asociación continúa a ser imprescindíbel porque o labor que nós facemos non o fai ninguén,

"Neste tempo de globalización, a agresión ao propio, á nosa cultura, é aínda maior e por iso é necesario unha asociación como a nosa" 

-En que se concreta ese traballo?

En moitos ámbitos de actuación, desde obradoiros, até unha liña editorial a través da que editamos, poño por caso, tres discos de música tradicional para nenos que son O Quiquiriquí, Pelogato e 13Lúas cos que xuntamos un amplo grupo de artistas tanto de música tradicional como de folclore. Se non o fixeramos probabelmente esa música morrería como morreron tantas expresións da nosa cultura. Tiñamos moitísimas cantigas para a infancia mais careciamos de música infantil tradicional gravada. Temos tamén aberta unha escola de música tradicional, A Tradescola, co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo, o primeiro museo da evolución da gaita galega na Casa da Gaita de Cotobade, cunha esquina dedicada a Ricardo Portela e facemos cada ano a mostra de instrumentos en Pardiñas que na pasada edición cumpriu xa vinte anos. Neste tempo, a crise está sendo o argumento para arrasar con todo e non é de recibo que con esa escusa se volva á situación dos anos oitenta. 

-A música tradicional está tamén a padecer a crise económica?

Se cadra sofre algo menos porque é un sector non profesionalizado e de tocar vive moi pouca xente. Neste sentido, había unhas dinámicas que non dependían tanto da administración e sempre houbo un contacto máis directo coas comisións de festas. De todas maneiras, nótase en feitos como que o pasado ano a Xunta de Galiza non nos deu nin un euro. Co Xacobeo había un programa que elevaba actuacións polos concellos pero tamén hai dous anos que desapareceu. 

-Que apoio reclama entón desde a Asociación de Gaiteiros?

O que demandamos e falta aínda a nivel social é que volva considerarse unha música para as nosas festas e romarías. O sentido da música tradicional, a súa orixe, é que forme parte dos eventos sociais de calquera cultura. En moitos ámbitos isto recuperouse e aí están os seráns na zona de Pontevedra ou as foliadas que cada vez toman máis forza se se compara co que acontecía hai vintecinco anos. Nin os máis optimistas auguraban o que está a pasar mais no aspecto da consideración artística e mediática sigue a ser unha música menor. Para poñer un exemplo abonda ver os millóns de euros que se gastan nas festas das cidades e como a música tradicional ou folk ten un papel moi pequeno. Compre consideración polos nosos artistas como acontece en culturas máis normalizadas. No estado Español, un músico que faga flamenco é considerado un artista de calado e a  gaita é a nosa manifestación artística propia co cal ten que ser respectado e valorado como tal. O desexábel sería que a sociedade apoiara a nosa música propia e niso ten moito papel que xogar o entramado oficial, administrativo e mediático.