GALEGA NAS LETRAS DA PLATAFORMA A SEGA

Xela Arias, a poeta que “arrasou os marcos”

Xela Arias, a poeta que “arrasou os marcos”
A poeta Xela Arias. Foto: cedida.
A poeta Xela Arias. Foto: cedida.  

A poeta “arrasou os marcos” e “desbotou as imaxes para quedar coas palabras”. “A treboada apoiada no permanente espello”. Transgresora e transcendete. Así é a poeta Xela Arias para a plataforma de crítica literaria feminista A Sega, que a honrará este ano coa distinción Galega nas Letras.
 


De Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2004) perderase a pista literaria debido á descatalogación dos seus catro libros de poemas. A finais de 2018, a profesora María Xesús Nogueira coidou da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018) e o legado literario dunha das voces máis insulares da poesía galega dos 80 e 90 volveu estar dispoñíbel para lectoras e lectores.

A Sega, con todo, viña reivindicando a figura da autora de Intempériome (2004) dende había tempo. Ao dedicarlle a sexta edición do Día das Galegas nas Letras -antes protagonizárono Dorothe Schubart, María Victoria Moreno, María Xosé Queizán, Patricia A. Janeiro e Marica Campo- converten esa reivindicación en central.

O Día das Galegas nas Letras naceu “para celebrar a figura dunha muller que contribuñise de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular”. Os actos centrais da homenaxe son o 15 de agosto.

Para a sexta edición, dedicada a Xela Arias, A Sega redactou o manifesto Escachar a palabra. Velaquí:

Escachar a palabra

Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.

Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.

E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.

Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.