OUTONO EDITORIAL

Xerais publica as novas obras de María Reimóndez, Angueira ou García Teijeiro

Xerais publica as novas obras de María Reimóndez, Angueira ou García Teijeiro
As escritoras María Reimóndez, Anxo Angueira e Antonio García Teijeiro, que publicarán obras novas en Xerais este outono. Fotos: cedidas.
As escritoras María Reimóndez, Anxo Angueira e Antonio García Teijeiro, que publicarán obras novas en Xerais este outono. Fotos: cedidas.  
O Ciclo dos Elementos, proxecto narrativo en que María Reimóndez (Lugo, 1975) tece “un espazo literario poboado por personaxes que, coma na vida, ás veces xunta a casualidade pero que se manteñen unidas sobre todo pola vontade”, coñecerá este outono un novo episodio: As estacións do lobo. É unha das novidades que prepara Xerais para a reentrada dun curso literario en que haberá tamén entregas de Anxo Angueira, Antonio García Teijeiro ou Eli Ríos.

As estacións do lobo explora os límites do amor, do arraigamento e da nosa capacidade para crear mandas que nos protexan no día a día dos afectos”, di a nota editorial. Será un dos títulos de narrativa cos que reciba o outono. Illas a sotavento, de Henrique Dacosta (Ferrol, 1964), O ceo das reixas, de Eli Ríos (Londres, 1976) e o último premio Xerais, Shangai a Barcelona, de Amador Castro (Chantada, 1962) acompañarán a Reimóndez.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira (Dodro, 1961), leva anos dedicado a recontextualizar a obra poética de Rosalía de Castro. Encargouse para Xerais de novas edicións de Cantares Gallegos, Follas Novas e En las orillas del Sar. Agora en Rexurdimento: a palabra e a idea “repensa e cuestiona o modelo historiográfico vixente que se lle vén aplicando tanto á literatura do XIX como en xeral á historia cultural e política galega contemporánea”.

Non será a de Angueira a única achega de Xerais ao ensaio este outono. O profesor Isidro Dubert (Muros, 1961) coordinará un volume colectivo de título A morte en Galicia. Da Carapauchiña ao señor Lamote subtitúlase Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega e é obra de Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951). O historiador Anselmo López Carreira (Vigo, 1951) achega Arte e escritura na Galicia medieval. E na serie Básicos Ciencia Infantil sairá Viaxe ao futuro.

Dirixidos á infancia e á mocidade
Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) volve á poesía infantil, o xénero co que en 2017 gañou o premio Nacional do Ministerio de Cultura por Poemar o mar, con Vento, ventiño, venteiro, “poemas onde se escoita o vento que percorre diferentes ambientes e mundos”. Os gritos das illas Lobeiras é o novo libro de Antón Cortizas (Ferrol, 1954), que partillará con García Teijeiro colección Sopa de Libros.

O premio Merlín foi este ano para Xelis, o guerreiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros (Valdoviño, 1975). Canda el publicarase tamén Conexión Macarrón, de Ledicia Costas (Vigo 1979), quen gañara o Nacional en 2015 por Escarlatina, a coiñeira defunta. Emma Pedreira e An Alfaya (Vigo, 1964) serán as autoras da colección Fóra de Xogo. A primeira con Os corpos invisibles, premio Jules Verne. A segunda con O grupo.

Mais un dos lanzamentos máis agardados da tempada en Xerais, e polas lexións de asterófilos que pululan por Galiza, é o novo álbum do galo: Astérix. A filla de Vercinxetórix. Estará nas librarías o 24 de outubro.