FÓRA DE CATÁLOGO DESDE 1988

Xerais rescata 'A chave das noces' de Xabier P. Docampo

Xerais rescata 'A chave das noces' de Xabier P. Docampo
O escritor Xabier P. Docampo. Foto: cedida.
O escritor Xabier P. Docampo. Foto: cedida.  

Unha novela policíaca que indaga “nos turbios manexos dun grupo de industrias”, publicada orixinalmente en 1988, é a libro coa que Edicións Xerais volve colocar a obra do escritor Xabier P. Docampo, morto o pasado xuño, na mesa de novidades. A chave das noces é o seu título.
 


“O ascensor baixaba até o garaxe. Cando parou, Mauro empurrou a porta e foise botar fóra, mais un forte golpe en pleno rostro mandouno outra vez para dentro do camarín até chocar fortemente coas costas na parede metálica do fondo”, arrinca este noir, cuxa primeira edición facturouna Vía Láctea. Empresarios, un cadáver, droga, prostitución e negocios decentes mestúranse nunha narración fóra do mercado durante 30 anos.

“Mauro coñece a cidade por arriba e por abaixo. Traballa na axencia de detectives Nacho, que acepta todo tipo de casos que lle propoñan investigar”, indica a nota editorial de Xerais. Ramón Domínguez encargouse desta nova impresión, que foi picada desde o libro orixinal.

Xabier P. Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018) foi un dos autores de maior éxito comercial da literatura galega recente. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura en 1995 por Cando petan na porta pola noite (1994, Xerais), a derradeira peza da súa traxectoria foi A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017), a primeira das súas novelas incluídas nunha colección dirixida a lectorado adulto e premio “á mellor obra narrativa” na Gala do Libro Galego deste ano.

As edicións de varias das súas obras cóntanse por ducias.



x