Xerais vístese de longo para celebrar os seus premios

Xerais vístese de longo para celebrar os seus premios
[Imaxe: Xerais] As premiadas e premiados, con membros do xurado
[Imaxe: Xerais] As premiadas e premiados, con membros do xurado  

Os Premios Xerais encetaron unha nova etapa este sábado no Museo do Mar, en Vigo, coincidindo coa estrea de Fran Alonso como director da editorial. Un acto en que estivo presente unha nutrida representación da cultura galega e onde se homenaxeou Emma Pedreira, Héctor Cajaraville e Carlos Negro.


Xerais mudou a illa de San Simón por un espazo tamén inundado polo salitre para celebrar os seus premios, o Museo do Mar. O propio director da editorial, Fran Alonso, facía un percorrido no seu discurso inicial polos distintos lugares que acolleron a entrega dos Xerais desde o nacemento destes galardóns en 1984.

Nesta ocasión, a editorial anunciou o 2 de xuño de 2018 o nome das persoas recoñecidas e decidiu entregar os premios –dotados con 10.000 euros– á vez que as obras chegan aos andeis das librarías, “queremos achegar os libros ás mans das lectoras, queremos celebrar os libros, que son a nosa identidade”, expresaba o tamén escritor. “Todos os libros que editamos tecen futuro”, engadía Alonso, quen aludía ao inicio da nova etapa que Xerais comezaba no mes de abril.

O novo director da editorial ofreceu unhas agarimosas palabras para o seu antecesor no cargo, Manuel Bragado, así como para o “pequeno pero inmenso” equipo de traballo de Xerais. Após situar os libros como “arma poderosa”, sinalou que a empresa quere reiventarse e que para ela o principal son as autoras e autores. Finalizou Fran Alonso a súa intervención cunha sentida lembranza para Xabier P. Docampo, amigo da editorial e finado este ano, ao que se referiu como unha das “máis entrañábeis figuras da cultura deste país”.

Após o discurso do director de Xerais, que tamén se referiu ao "momento complexo que vive a industria editorial galega", a xornalista Teresa Cuíñas entrevistou a gañadora e os gañadores. No medio da conversa, visualizáronse os vídeos de tres booktubers –Paula Gómez del Valle, Sara Carballo Gayoso e Xiana Vilariño García– onde se falou de cada unha das obras premiadas e ao remate Celia Torres entregoulle o premio a Emma Pedreira; Anaír Rodríguez a Héctor Cajaraville e Ramón Domínguez a Carlos Negro.

As obras gañadoras

Emma Pedreira fíxose coa XXXV edición do Premio Xerais de Novela, ao que concorreron 37 obras, con Besta do seu sangue. No seu ditame, o xurado, composto por Santiago Lopo, David González Domínguez, Vitoria Ogando Valcárcel, Claudia Morán, Patricia Porto e Ramón Nicolás, sinalou que Besta do seu sangue supón “unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros”. Ao tempo, salientou “o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega”.

Ademais, o xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, formado por Uxía Martínez Recamán, Alba Piñeiro Estévez, María Sánchez Lires, Maribel Tato Sánchez, Antonio Yáñez Casal e Miguel Vázquez Freire, elixiu entre 33 obras como gañadora Kusuma, de Héctor Cajaraville, “unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado”. A fábula critica, indicou o xurado, “o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo”. Trátase dunha historia de superación, de amizade e de aventuras cunha dupla mensaxe: que os prexuízos son o modo máis inxusto e equivocado de enfrontarnos ao descoñecido e que a coraxe e a afouteza sempre reciben a súa recompensa. Alén destes valores, o xurado subliñou o rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.

Por outra banda, o xurado da X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, integrado por Isabel Armesto Rodríguez, Diana Fernández Gómez, Mª Paz Fernández Pereiro, Alba González Fernández, María Manuela Ordóñez Fernández e Isabel Mociño González declarou gañadora, entre 22 obras, Aplicación instantánea, de Carlos Negro. “Ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis que nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas”. “Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación”, concluíu.

As tres obras xa están dispoñíbeis nas librarías.