Xornadas de expresión oral cara un novo “Tíralle da lingua”

Xornadas de expresión oral cara un novo “Tíralle da lingua”
 

Serán o próximo día 16 de novembro e preséntanse como o anticipo acaído para a celebración dun novo “Tíralle da Lingua”, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Falar a través do podcast, contar historias, achegarse a lingua pola escrita literaria ou a música e o teatro como ferramentas da expresión son algúns dos temas que compoñen o programa. 


Dentro do programa “Tíralle da lingua” que remata co encontro de expresión oral dos centros de ensino do país, celébranse este sábado día 16 a XIV edición das “Xornadas de expresión Oral” que terán lugar no IES As Fontiñas de Compostela. O prazo de inscrición está aberto e remata o próximo día 14 de novembro. Francisco Castro, Quico Cadaval, Pilar Ponte, Fran Godón e Pablo Carracedo son os convidados a unha xornada na que se porán sobre a mesa metodoloxías e ferramentas para traballar a expresión oral nas aulas. 

“Achegarse ao galego a través da escrita literaria” é o título co que o escritor e editor Francisco Castro abrirá o programa dedicado á formación do profesorado ás 10 da mañá ofrecendo as claves para achegar á mocidade á nosa lingua a través da escrita creativa. Serán un feixe de propostas lúdicas e desenfadadas mais rigorosas ao tempo co fin de atraer ao alumnado ao mundo das escrita literaria en galego. 

A profesora Pilar Ponte Patiño achegará ao profesorado asistente a seguir ás posibilidades do Podcast como ferramenta de comunicación, difusión e creación de contidos educativos na aula. 

Xa na tarde, o dramaturgo e contador Quico Cadaval revelará os seus segredos por medio da sesión-espectáculo “Contar históricas: as adoas van todas num fio”, unha maneira de nos achegar ao que o autor presenta como “formas canónicas de narración e algunha receita para a memoria épica”.   Na mesma liña, a metodoloxía práctica para a creación dramática no ensino será a materia na que afondará o profesor e especialista en teatro Fran Godón. Será o seu un obradoiro de recursos para as aulas, nun achegamento á aplicación dunha metodoloxía práctica para o desenvolvemento da creación artística do alumnado e a súa expresión física. 

 O encontro da música galega contemporánea e a expresión oral pechará o programa da man do mestre de educación primaria e musical, Pablo Carracedo, unha amizade acaída para traballar a expresión oral, a lingua e a literatura. 

A xornada de formación insírese no programa “Tíralle da Lingua” no que participan centros de toda Galiza por medio dun concurso no que o alumnado mostra as súas destrezas na expresión oral, cun remate en Compostela nunha cita na que o entusiasmo por contar e falar mostran o resultado dun proceso no que se traballan as destrezas da narración oral de forma lúdica.  

“Tíralle da lingua”, o programa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega dirixido ao profesorado e ao alumnado co fin de fomentar o uso oral do galego e a súa normalización ten nas xornadas o seu primeiro chanzo que continuará no desenvolvemento do concurso de relato oral dirixida a alumnado de Primaria, ESO e ensino Postobrigatorio en dúas fases, a primeira nos propios centros de ensino e unha segunda, despois da previa selección, que consistirá no concurso final que terá lugar en Santiago por volta da primavera. 

Os centros que participan na fase final do ofértaselle tamén sesións de contacontos, animación lingüística ou teatro co fin de motivar ao alumando á participación que foi, nas edicións anteriores, exitosa. 

Os obxectivos de todo o programa organizado pola AS-PG son contribuír á normalización do galego, fomentar o seu uso na mocidade e recuperar o valor da lingua na comunicación e como canle de transmisión da cultura e coñecemento da nosa realidade. 

As xornadas, que teñen a matrícula aberta até o día 14, preséntanse así como un lugar de encontro e de aprendizaxe de ferramentas para traballar nas aulas a expresión oral, de maneira lúdica e amena, con técnicas que acheguen ao alumnado á nosa lingua e ao seu uso tamén no relato oral.