TIVERON LUGAR ESTE SÁBADO EN OUTEIRO DE REI

XXV Xornadas de Lingua e Literatura: un punto seguido arredor de Manuel María

XXV Xornadas de Lingua e Literatura: un punto seguido arredor de Manuel María
[Imaxe: Diego Boquete]
[Imaxe: Diego Boquete]  

Manuel María converteuse no fío que teceu as XXV Xornadas de Lingua e Literatura que, organizadas pola CIG-Ensino e pola AS-PG, tiveron lugar na xornada do sábado en Outeiro de Rei.


A Casa Museo Manuel María acolleu na xornada do sábado dúas iniciativas que xiraron arredor do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Dunha banda, as XXV Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e da AS-PG e, doutra banda, a xuntanza de traballo da iniciativa Cultura que Une, que perfila actividades sobre as obras de Manuel María e Miguel Torga.

As XXV Xornadas de Lingua e Literatura, nas que participan arestora máis de medio cento de docentes, comezaron pasadas as 10.30h, cunha palestra do estudoso e antólogo de Manuel María Manuel López Foxo. Baixo o título “A poesía de Manuel María: O País é tamén unha viaxe cara a dentro”, Foxo recuperou, con especial sensibilidade, a obra existencialista de Manuel María, a parte menos divulgada dos seus poemas.

Após a visita guiada á Casa Museo, as xornadas continuaron coa presentación dos recursos didácticos sobre Manuel María deseñados para Primaria e Secundaria. Anxo Gómez (CPI Vicente Otero Valcárcel) expuxo a unidade na que se traballan a lingua e a literatura a partir da escrita do autor nado en Outeiro de Rei, unha unidade que abrangue desde a sociolingüística, até calquera xénero literario, pasando todas as temáticas e destinada a todas as idades. Tamén presentou a súa unidade didáctica o Seminario Galán, que inclúe materiais en formato papel, en rede e soporte Edilm, un conxunto de traballos a disposición de quen quixer na web seminariogalan.org.

Xa durante a tarde tivo lugar o roteiro guiado por Outeiro de Rei, que levou as persoas participantes a coñeceren de primeira man a vida de Manuel María a través dos espazos referenciais da obra do autor. Da man de Alberte Ansede, María Calvo e Mateo Docampo, os presentes puideron descubrir a importancia da carballeira de Santa Isabel –unha das paisaxes máis fotografadas na tarde deste sábado- nos seus poemas, así como da Lagoa de Cospeito, entre outros recunchos. O roteiro complementouse coa lectura de poemas do autor homenaxeado neste 2016.

A fin das xornadas terá lugar a partir das 20h, co espectáculo de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña.

As persoas participantes salientaron o produtivo e emotivo das xornadas e apelaron a continuar a traballar nas aulas a figura de Manuel María alén de 2016

As persoas participantes salientaron o produtivo e o emotivo das xornadas, que tiveron lugar non como punto final do traballo pedagóxico arredor de Manuel María, senón como un punto de partida que abra camiños na divulgación da obra do escritor e de toda aquela parte que falta por coñecer. Insistiron, así, na necesidade de que o estudo da figura á que se lle dedican as Letras Galegas non fique tan só circunscrita ao 2016, senón que se afonde no seu traballo nas aulas cada ano.

Cultura que Une

A Casa Museo Manuel María tamén abeirou este sábado unha xuntanza de traballo no seo da iniciativa Cultura que Une na que participaron a Fundación Vicente Risco, a Tertúlia Araújo Correia, a Livraría Traga-Mundos de Vila Real e Ponte nas Ondas, amais de profesores e profesoras a título individual.

En declaracións a Sermos Galiza, Luís Martínez Risco sinala que a xornada deste sábado foi “unha continuidade da que tivo lugar o 3 de marzo para concretarmos a metodoloxía que nos permita facer intercambios de alumnado, agrupamentos escolares e de profesorado entre colexios de Galiza e de Portugal arredor do eixo das obras de Manuel María e Miguel Torga”. Non se trata só dun intercambio de alumnado, tamén se traballará nos eidos do patrimonio histórico, no ecolóxico, no lingüístico...

O grupo de traballo estudará até xuño o programa de actuación co fin de que no inicio de curso os centros poidan implementar as  medidas acordadas de maneira flexíbel, segundo nos conta Luís Risco, da Fundación Vicente Risco.

Roteiro no Val de Quiroga

Manuel María tamén foi o protagonista do roteiro que se desenvolveu este sábado no Val de Quiroga, arredor dos sonetos que o autor lle dedicou a este lugar. Na iniciativa participaron máis de medio cento de persoas.