Xornadas sobre Reveriano Soutullo en Ponteareas

Xornadas sobre Reveriano Soutullo en Ponteareas
Reveriano Soutullo
Reveriano Soutullo  

Esta fin de semana celébranse en Ponteareas as Xornadas sobre Reveriano Soutullo para conmemorar o centenario da estrea de 'Amores de aldea', a principal obra deste compositor galego. 


O sábado 17 terá lugar o IV Simposio de Musicoloxía Reveriano Soutullo na sala multiúsos do Auditorio homónimo e o domingo 18 presentarase o CD 'Ponteareas' do concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo interpretando obras do autor. 

'Amores de aldea' estreouse en Madrid o 16 de abril de 1915 no Teatro da Zarzuela, obtendo un extraordinario éxito de público. O 14 de xullo do mesmo ano estrearíase no Teatro Tamberlick de Vigo, sendo louvada tamén pola prensa da época. Logo representouse en Barcelona e cruzou o Atlántico para chegar até Arxentina e Cuba. 

O simposio achegarase a esta zarzuela dentro do contexto da época, con relatorios de Pablo Abreu, mestre do Conservatorio Profesional de Vigo; Xaime Estévez, doutor en Ciencias da Educación; Rosa Arija Soutullo, da Fundación Soutullo; e Javier Jurado, doutor pola UDC. Interpretarán fragmentos da zarzuela un trío de piano, soprano e gaiteiro. 

Reveriano Soutullo (Ponteareas, 1880 – Vigo, 1932) foi un compositor de zarzuelas e pasodobres que colleitou numerosos éxitos. Seguidor de Debussy e Ravel, compuxo varias zarzuelas famosas, entre ellas 'Amores de aldea'. En tándem con Juan Vert compuxo grandes éxitos da época. Foron famosas obras súas como Puenteareas, Suite Vigo, e un anaco de La leyenda del beso  que foi utilizada por Mocedades no tema Amor de hombre.