Xosé Abad: “Cando se fala de memoria histórica, o poder prexulga: 'estes son uns roxos do carallo”

Xosé Abad: “Cando se fala de memoria histórica, o poder prexulga: 'estes son uns roxos do carallo”

Xosé Abad vén de recoller o premio á mellor longametraxe na segunda edición do certame Primavera de Cine polo documental 'O segredo da Frouxeira'. O proxecto, que narra a investigación arredor de catro desaparicións no marco da Guerra Civil, logrou descubrir o tráxico final do último alcalde republicano de Serantes, en Ferrol, e daqueles que o axudaron a agocharse.


Cun resultado próximo a unha trama policíaca, Abad logra destapar en O segredo da Frouxeira unha historia soterrada durante máis de 70 anos e, con ela, a reconciliación de catro familias enfrontadas por unha campaña de desprestixio. Esta desgarradora historia demostra que, sen memoria, é imposible pasarmos páxina para saudar a democracia.

-Como acolleu o premio á mellor longametraxe no Festival Primavera de Cine?

Con moitísima alegría pois competiamos con películas de ficción de grande calidade e tamén por ser este un premio que outorga o público que, en definitiva, é o receptor final do noso traballo. Aliás, a ilusión aumenta cando é un certame da túa terra, sendo que frecuentemente é máis complicado que aquí che dean un premio que fóra.

"A medida que a película avanzaba, fomos descubrindo cousas novas e, sorpresa a sorpresa, rematamos o documental"

-A investigación comézaa Paulino Gasalla, descendente do alcalde republicano de Senantes. Porén como xurdiu o proxecto dun documental?

O proxecto nace cando Paulino, practicamente o protagonista do documental, se pon en contacto coa asociación cultural Fuco Buxán de Ferrol, que ten unha comisión de memoria histórica, após emprender unha investigación arredor da vida do seu antepasado. Esta organización pensou que a historia daba para facer unha pequena peza, idea que nós avalamos malia que, finalmente, saíu unha longa. O punto de partida foron uns recortes de xornais que Paulino atopou na casa da súa sogra e que contiñan artigos e poemas de Alejandro Porto Leis e algunhas novas da actualidade política do momento. Dáse conta da relevancia desta figura: articulista, poeta, republicano e galeguista, e decide iniciar a súa pesquisa.

"Se vives 40 anos en Inglaterra acabas por falar o inglés e, de igual modo, tras catro décadas de ditadura queda unha semente no corpo social que non se supera facilmente"

-Que pasou con este alcalde no franquismo?

Após case tres anos nos que permaneceu agochado, até o 38, prodúcese unha delación por parte do médico, antigo amigo do seu pai, ao que acudiu por por estar moi enfermo. Cando decide saír do zulo ten unha discusión cos que o axudaron a esconderse, os tres homes que finalmente desaparecen canda el. A casa na que estaba naquel momento pertencía á familia do sindicalista Jesús Miño, mais antes quen o agochara fora o anarquista Avelino Landeira. O cuarto dos 'paseados' no areal da Frouxeira era Modesto del Río, un home de dereitas que, porén, antepoñía o seu sentido relixioso a calquera idea política e que, o único delito que fixo, foi dar de comer a quen era o seu amigo.

-Máis dun ano e medio foi necesario para rematar o documental. A verdade dos catros asasinatos e quen os instigou saíu á luz ao principio ou ao longo da rodaxe?

A verdade vai saíndo a medida que se investiga. Paulino tiña moitos datos sobre a vida do antigo rexedor, mais non dos outros tres desaparecidos. Polo tanto, a medida que fomos falando cos membros destas familias, o puzzle foise reconstruíndo coa versión que cada un tiña dos feitos. As familias localizámolas porque na causa que había na armada contra Porto Leis aparecían o nome dos que o axudaran. O traballo de contacto coas familias fixémolo con moito tacto porque, ao principio, había moito rancor contra o antigo alcalde, sendo que os fascistas espallaron a idea de que el cantara os nomes dos outros, cando o certo é que a Garda Civil llos sacou mediante torturas.

"Política comprometida co audiovisual? De momento, se a hai, nós non a coñecemos e, da que virá, tememos un rotundo desastre"

-Agardaba que o documental puidese transcender tanto a este nivel humano entre as familias das vítimas?

Realmente non tiñamos nin idea do que ía pasar xa que, a medida que a película avanzaba, fomos descubrindo cousas novas e, sorpresa a sorpresa, rematamos o documental. Afortunadamente, todo sucedeu de xeito seguido pero, en verdade, puido ser un fracaso total. Sempre que inicias un documental corres ese risco, precisamente por xogar con elementos da vida real, senón sería unha película de ficción. De feito, estivemos varios meses coa incerteza de que o proxecto non ficase no camiño porque a filla de Jesús Miño, que era de dereitas, non quería que falaramos do seu pai e ameazounos con denunciarnos para impedir que se gravase o documental. De feito, paramos a rodaxe durante cinco meses até que morreu. Entón, continuamos coa investigación.

-Asegurou que o odio entre estas catro familias foi froito dunha campaña de desprestixio. Eran habituais estas artimañas?

Eran absolutamente habituais. Mataban á xente e, ao mesmo tempo, querían matar a súa memoria, tal e como se explica no documental. Facían un labor de intoxicación para separar as familias, espallando a idea de que fulano era un roxo perigoso ou que só buscaba a súa propia salvación. Era moi común presentar a xente pacífica coma perigosos terroristas.

-Como hoxe en día?

Efectivamente. Non cambiamos moito! [risos].

-Buscaba, o proxecto, ser unha reparación moral para a xente asasinada?

Nós tratamos de ser o máis obxectivos posible. Sabiamos que na medida na que se contase a historia xa se producía unha reparación. A xente precisa que se coñeza dalgunha maneira a verdade do que pasou. Polo tanto, contar esta historia supón unha reparación para os asasinados, para os familiares que o contan e para o público que o ve.

-Nas notas do director asegura que, sen memoria, non podemos falar de transición democrática.

Estou convencido diso. De feito, sosteño a idea de que a Guerra Civil no estado español non está superada e non se superará namentres teñamos milleiros de cadáveres sen recoñecer polas gabias e grande parte da nosa historia sen explicar nas escolas. Mentres os nenos non teñan coñecemento da verdade da súa historia recente e mentres non se faga xustiza e se lles entregue ás familias os restos dos finados, non poderemos pasar páxina. Non é moito o que piden as vítimas.

-Como afectou á idiosincrasia da Galiza a represión franquista?

A resposta a esa pregunta deuma Isaac Díaz Pardo no documental que lle fixen. El dicía que a sombra do franquismo era moi alongada e que inda perduraba na actualidade. Tentando de explicar ese fenómeno sociolóxico díxome, coa súa habitual ironía gráfica, que se vives corenta anos en Inglaterra acabas por falar o inglés e, de igual modo, tras catro décadas de ditadura queda unha semente no corpo social que non se supera facilmente,

-O documental foi gabado por non incidir no odio entre [email protected] e [email protected]?

Tal e como afirma no documental Manuel Landeira fillo, falando por todas as vítimas, 'nós non buscamos vinganza senón xustiza'. Creo que esta frase é a que mellor recolle o espírito desta peza, malia que non foi a imposición dunha visión nosa senón a que expresaron as voces que recollemos. Para outros, no entanto, como Manuel Landeira pai, o documental non amosaba toda a dureza da época. Con todo, penso que deste xeito foi máis doado establecer a empatía co espectador e lograr unha historia que interesase ao público ao presentarmos unha trama a medio camiño entre o xénero policíaco e o thriller e, ao tempo, con elementos moi dramáticos. Isto conseguiuse pola constante reelaboración do guión e por un traballo extenuante de edición.

-A acollida foi boa até en México. Élles familiar esta temática?

Como terra de exilio de moitos republicanos, México ten unha aproximación á memoria histórica moi positiva, incluso mellor que moita xente de aquí. E iso tamén pasou en Alemaña, onde presentamos o documental en tres universidades distintas con moito éxito mais onde os rapaces non acreditaban que, nas escolas do estado español, non se fale da memoria histórica con normalidade.

-Cortouche as ás que a versión orixinal do documental fora en galego?

En absoluto. De feito, na xira polas tres universidades alemás, a presentación e os coloquios tras a proxección do documental foron en galego. Se a historia ten intensidade e atrapa, o idioma no que estea feita non ten relevancia. Para iso están os subtítulos.

-Como devén a produción audiovisual de proxectos de non ficción Galiza?

O sector está absolutamente depauperado e a piques de quebrar. Non hai a máis mínima posibilidade de facer practicamente nada. De facto, eu remato agora un documental sobre a visión que as novas xeracións teñen da Guerra Civil e o franquismo e non creo que faga nada máis. Non hai ningún tipo de apoio institucional, nin estrutura industrial nin vías de distribución para mover o que se fai. Moitas das produtoras marcharon, outras pecharon e as que ficamos aquí tentamos de sobrevivirmos porque non temos onde emigrar. Canto aos patrocinadores privados, ao non termos ningunha lei de mecenado que garanta a desgrabación nos impostos a quen apoie un proxecto cultural, o financiamento por parte da iniciativa privada non existe. E menos para un proxecto destas características que, basicamente, se financiou co apoio popular mediante achegas de particulares.

-Existe unha política comprometida co audiovisual?

De momento, se a hai, nós non a coñecemos e, da que virá, tememos un rotundo desastre. Si, sabemos que hai un novo xerente no Agadic pero inda non temos datos de cal vai ser a súa política. Polo de agora, a súa política e que non haxa ningunha política. Amais, na actualidade o do audiovisual é un sector que non simpatiza moito co poder.

- Están estos proxectos ideoloxicamente marcados discriminados das axudas públicas?

Neste caso, xa non se trata de ideoloxía. Estamos facendo un traballo de actualidade e de reconstrución histórica. Sempre se produce un apriorismo cando se trata de memoria histórico e o poder xulga: 'estes deben ser uns roxos do carallo'. E quizais o sexamos pero procuramos que non se note no documental. Con todo, elixirmos o tema de traballo xa é unha definición política.