Xosé Carlos Caneiro pásase ao español con “Las arañas en Berlín”

Xosé Carlos Caneiro pásase ao español con “Las arañas en Berlín”
Caneiro
Caneiro  sg

En setembro saíra a primeira novela en español do escritor e articulista Xosé Carlos Caneiro. Con “Las arañas en Berlín” o escritor publica por vez primeira unha novela en español despois de ter abandonado o galego nos seus artigos malia ser un destacado editorialista da RG. O propio Xosé Carlos Caneiro fai uns apuntamentos a esta información no apartado de comentarios. 


Con “Las arañas en Berlín” Xosé Carlos Caneiro atravesa a liña para se converter nun escritor que emprega xa o español para a escrita literaria, unha vez abandonara a lingua xa en boa parte da súa produción de artigos xornalísticos. 

O propio escritor avanzou a publicación de “Las arañas de Berlín” en setembro a través da súa conta de twitter na que tamén anunciou a saída estes días de “As máscaras de Ulises”, unha antoloxía de contos editada por Galaxia. 

Columnista de cabeceira de La Voz de Galiza, tertuliano da Radio Galega e editorialista da súa tertulia nocturna que pecha cada día, Xosé Carlos Caneiro tense destacado polo seu claro apoio ao PP, alén de pola crítica feroz ao nacionalismo. “La supuesta superioridad moral del nacionalismo gallego es enfermiza. Acabarán creyéndose, en verdad, que son los únicos que aman este país”, escribiu recentemente no seu twitter, no que tamén predomina o español na escrita dos chíos nos que tamén protagonizou agrias polémicas. 

Recentemente destacouse por defender a Feijóo despois de seren publicadas as fotos no iate co narcotraficante Dorado e por ter definido o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez como “dilixente e laborioso”. O seu espectáculo  “Despois de ti, a chuvia” foi o escollido polo departamento dirixido por Xesús Vázquez para conmemorar o pasado 21 demarzo o Día da Poesía na Cidade da Cultura. Non é a primeira vez que Caneiro actúa na CdC xa que a súa poesía entrou tamén no programa dos “Atardeceres do Gaiás”. O escritor está a ser especialmente privilexiado nos últimos anos pola Consellaría de Cultura e, exemplo diso é que até o mesmo director xeral se desprazara á Casa de Galiza de Madrid para participar na presentación institucional do seu volume “El libro de los besos y de la niebla” en 2011.